Cada semana, o alumnado completa este pequeno documento que combina planificación e avaliación persoal e grupal.
Ao inicio da semana, cada neno e nena establece os seus obxectivos individuais e un obxectivo común de clase, acordado entre todos.
Ao remate da semana, realizamos unha reflexión compartida para valorar se eses obxectivos se cumpriron —totalmente, a medias ou se é preciso seguir traballando neles—.
Estes procesos pretenden incidir na necesidade de fomentar a autonomía, a responsabilidade, a autoxestión do día a día na aula.
Este documento serve para rexistrar as actividades que cada neno e nena realiza durante a semana nos diferentes recantos da aula (cálculo, escrita, proxecto, artístico, etc.).
A súa finalidade é facer un seguimento do traballo e da participación de cada alumno, asegurando que todos pasan por distintos tipos de tarefas e espazos.
Proxecto "Por que tanta guerra?".
Unha das noticias comentadas durante as asembleas de aula levou a falar da situación que se está vivindo en Palestina. Ao lembrar que o curso pasado o compañeiro Ruy realizara unha exposición oral sobre este tema, decidimos volver a aquel documento e analizar os datos que el nos presentara daquela, comparándoos coa información actual.
A partir dese contraste xurdiu o interese por comprender mellor o que está a suceder e dar espazo ás preguntas e reflexións do alumnado. Así naceu un pequeno proxecto de investigación co obxectivo de pensar, dialogar e informarnos sobre un tema complexo, pero presente nas conversas e nas noticias.
Cada neno e nena recolleu nun documento individual as súas ideas, dúbidas e pensamentos iniciais sobre Palestina e os conflitos no mundo. Posteriormente, por equipos, compartiron esas reflexións e propuxeron distintos títulos posibles para o proxecto. Finalmente, de forma consensuada, o grupo acordou chamalo “Por que tanta guerra?”, un título que reflicte a súa inquietude e vontade de entender o mundo que os rodea.
Durante varias sesións realizamos pequenas procuras de información, tanto en fontes dixitais como con apoio da intelixencia artificial, para responder ás preguntas que ían xurdindo. Deste xeito traballamos tamén a lectura crítica da información e o contraste de fontes, un aspecto clave da competencia cidadá e informacional.
O proxecto incorporou ademais unha dimensión artística inspirada nun dos últimos cadros de Frida Kahlo, Bodegón de sandías. A través desta obra reflexionamos sobre o significado simbólico da sandía —vida, resistencia, esperanza— e realizamos as nosas propias versións. Cada alumno e alumna deseñou unha porción de sandía na que expresou unha idea, un sentimento ou unha mensaxe de paz. O resultado foi un mural colectivo cheo de cor e significado.
Continuamos o traballo cunha lectura compartida sobre a suimanga, un paxaro moi coñecido en Palestina, tamén chamado “paxaro do sol”. Descubrimos que moitos nenos e nenas palestinos o debuxan nos seus cadernos como símbolo de beleza e de esperanza, recordando que, a pesar da guerra, Palestina segue a ser un lugar cheo de vida. Aproveitamos para coñecer máis sobre o seu hábitat, a súa alimentación e o seu papel no ecosistema.
Exposición de Ruy sobre a que retomamos a situación actual en Palestina.
Documento de traballo do proxecto "Por que tanta guerra?"
Plan de traballo "Día na biblio".
Plan de traballo "Día no Obradoiro Quinteiro".
1m, 1/2 m, 1/4 metro, 3/4 metro.
Simetrías artísticas. Simetrías na natureza.
RECANTOS DE AULA OUTUBRO.
Plan de biblio. 16 de outubro.