A semana arrancou co noso espazo habitual de noticias exprés, no que o alumnado compartiu pequenas vivencias ou acontecementos do fin de semana. Entre elas, analizamos unha noticia sobre a muller máis lonxeva de España e os seus hábitos de vida. Este texto serviunos para traballar vocabulario novo e volver ás cinco preguntas básicas dunha noticia (quen, como, cando, onde e por que). Tamén aproveitamos a asemblea para repasar os obxectivos da semana e anticipar as tarefas principais.
No ámbito matemático retomamos unha liña de traballo coñecida: o xeoplano e o uso das coordenadas nos eixos X e Y. Aprendemos a ler e trazar puntos, e empregámolos para construír figuras planas como triángulos e cuadriláteros. Esta actividade, ademais de reforzar a xeometría, axúdanos a mellorar a precisión, a lectura espacial e a interpretación de gráficos. Durante a semana avanzamos tamén na medición, comparación e lectura de diferentes pares de coordenadas.
En lingua iniciamos un novo texto libre, que revisaremos e melloraremos nos próximos días. Houbo quen preferiu continuar coa historia que comezara a semana anterior. Paralelamente, continuamos traballando na acentuación e aplicando as regras a textos reais. Introducimos tamén unha nova dinámica: a ortografía visual, que nos axuda a reforzar a memoria ortográfica. Enviaremos información ás familias a través de Abalar para que tamén poidan acompañar este proceso desde a casa.
No eido literario presentamos o novo libro que servirá para elaborar un audiolibro colectivo: O meu gato é un poeta, de Fran Alonso. O mestre realizou unha lectura dos textos e, a partir dela, cada alumno e alumna escolleu os poemas que máis lle chamaron a atención para gravalos con calma ao longo da semana. Este proxecto combina lectura, expresión oral, sensibilidade poética e tamén o uso funcional das tecnoloxías da aula.
Continuamos tamén coa recollida de datos sobre os hábitos alimentarios das merendas de toda a escola. Estes rexistros serviranos nas próximas semanas para traballar interpretación de gráficas e análise estatística adaptada ao noso nivel.
Un dos momentos máis especiais da semana foi a saída a Vilagarcía de Arousa para visitar as instalacións de Radio Arousa–SER. A experiencia resultou moi motivadora: puidemos ver como funciona unha emisora por dentro, coñecer os roles do equipo profesional, observar o traballo dos locutores e mesmo participar nun pequeno obradoiro de gravación. Tivemos, ademais, o privilexio de entrar en directo nun programa da emisora, no que o alcalde de Meaño participou telefónicamente e o alumnado puido entrevistalo (pódese escoitar a entrevista no apartado de "Radio Coviña"). Aproveitamos a visita para achegarnos tamén ao Monte Alobre, onde observamos restos prehistóricos que nos servirán de base para o contexto de aprendizaxe sobre a Prehistoria que iniciaremos en decembro.
Ao longo da semana continuamos elaborando noticias na asemblea, como a que trouxo Álex sobre unha empresa biotecnolóxica que investiga a recuperación de ADN de especies extintas. A lectura desta noticia xerou un debate cheo de preguntas sobre ciencia, ética e tecnoloxía. Volvimos aplicar as cinco preguntas esenciais dunha lectura informativa e completamos a ficha de análise correspondente.
Esta semana puidemos recuperar tamén o noso día de biblioteca, facer o intercambio de libros pendentes e avanzar un pouco máis no club de lectura de Querido Paul, querida Susi. Seguimos coa dinámica dos dous grupos de lectura simultánea e o xogo das tres palabras clave para predicir o contido de cada capítulo. Ademais, profundamos nunha tarefa específica de acentuación a partir de dous textos breves, ao tempo que avanzamos nas actividades de ortografía visual, que comezan a integrarse con naturalidade no traballo semanal.
Desde un dos textos libres da aula fixemos unha corrección colectiva, comentando cambios de estilo, melloras posibles e reflexións sobre o proceso de escritura. Foi un exercicio moi valioso para observar como un texto medra cando se constrúe entre todas e todos.
Nestos días de sol recuperamos unha pequena saída ao Monte da Toxa, onde realizamos unha actividade matemática centrada na estimación e medida exacta dun metro. Traballamos sobre o terreo, comparando estimacións previas con medicións reais.
A semana pechouse cunha visita ao Obradoiro Quinteiro, onde traballamos arredor da palabra “abstracto”. Primeiro fixemos unha reflexión colectiva na aula tras unha lectura conxunta, e máis tarde observamos exemplos de arte abstracta para comparala coa figurativa. No obradoiro cada equipo representou unha emoción empregando cartón tipo “panel de abella” e xogando con formas, tamaños e cores. A proposta non quedou rematada e continuará no recanto artístico a próxima semana.
Finalmente, celebrouse o sorteo das mochilas viaxeiras, e nesta ocasión a afortunada foi Noa. Parabéns!
Participación no programa de Radio Arousa- SER. 20-11-2025