Esta semana comezamos coa exposición oral de Noa, que elixiu como Marabilla de Galicia A Ponte Maceira, na provincia da Coruña. A súa presentación levounos a falar da lenda que acompaña este lugar, algo que tamén fomos descubrindo noutras marabillas traballadas e que esperta moito interese entre o alumnado.
Tamén tivemos a exposición de Diana, centrada na Ruta da Pedra e da Auga, un espazo que coñecemos ben por estar preto da nosa escola. A súa presentación permitiunos volver falar do Mosteiro da Armenteira, da aldea labrega e da importancia de empregar adxectivos descritivos cando queremos explicar e transmitir con detalle a beleza dun lugar.
Nacho levounos ata Marín, amosando os seus atractivos turísticos, culturais e naturais. Como en cada exposición, buscamos vínculos con outras xa realizadas, reforzando a idea de que o noso territorio está cheo de conexións, historias e patrimonio compartido.
Para pechar o ciclo da semana, Ruy presentou o Castelo de Soutomaior. Aportou numerosos datos sobre a súa localización, os seus donos e a evolución do castelo ao longo dos séculos. Algúns nenos e nenas coñecían o lugar porque recentemente celebraran alí un aniversario, o que fixo a exposición aínda máis próxima e significativa. Aproveitamos tamén para vincular o seu traballo co de Sofía Varela, xa que ambos mencionaban a figura de Pedro Madruga. Da exposición de Ruy destacamos especialmente a figura de María Vinyals, última propietaria do castelo e escritora considerada unha das pioneiras do feminismo en Galicia. Isto deu pé a un pequeno debate sobre o papel das mulleres no século XIX e as dificultades que terían para poder dedicarse á escrita e á vida intelectual.
No ámbito lingüístico, realizamos tarefas de comprensión escrita arredor da figura de Jane Goodall, unha científica que o grupo coñece ben e que segue a inspirar moitas das reflexións da aula. Ademais, comezamos un novo texto libre, que revisaremos e melloraremos conxuntamente a próxima semana, e continuamos afondando na acentuación e puntuación dos textos.
En matemáticas, pechamos o ciclo dedicado á división entre tres mediante a estratexia da tea de araña, e puxemos en marcha unhas estacións matemáticas para reforzar aprendizaxes xa traballadas: a lectura do reloxo analóxico, o cálculo de tramos horarios e o manexo do diñeiro en situacións de compra e venda. Falamos tamén sobre o significado de pagar con billetes de maior valor e calcular correctamente o cambio.
Na asemblea abordamos o tema das enerxías, a súa orixe e importancia na vida cotiá. Elaboramos unha lista coas distintas fontes e clasificámolas en renovables e non renovables, debatendo sobre os seus niveis de contaminación e a súa verdadeira sustentabilidade.
Dentro do club de lectura, seguimos avanzando na lectura de Diario de Paul, diario de Susi. Mantivemos a mesma dinámica da semana anterior: dous equipos, un para cada protagonista, escolleron tres palabras clave que servían como pistas para adiviñar o contido dos novos capítulos. Ao remate, recollimos individualmente as ideas principais de cada diario.
Tamén retomamos os apadriñamentos lectores cos grupos de 2º de Primaria, unha actividade que segue a consolidarse como un espazo de aprendizaxe compartida e de conexión entre cursos.
Por cuestións organizativas, esta semana non foi posible realizar o día de biblioteca, xa que as aulas de Primaria están en proceso de colocación de tarima e o espazo estivo ocupado de maneira temporal. Tampouco puidemos acudir ao Obradoiro Quinteiro, que queda aprazado para a vindeira semana.