Arrincamos con unha nova proposta lectora individual: o texto-musical argentino Mi viejo potro tordillo (Atahualpa Yupanqui). Leémolo con detalle, fixemos notar as diferenzas entre o español de Arxentina e o castelán, localizamos vocabulario descoñecido e traballamos a comprensión da historia: quen fala, que pasa, que sentimento transmite.
Tamén puxemos o foco en mellorar a estrutura dos textos escritos. Durante a semana repartimos un documento específico sobre acentuación para reforzar a localización e tratemento de palabras agudas, llanas e esdrúxulas.
Continuamos con exposicións orais: Tomás falou da praza de Fefiñáns e sorprendeunos o saber que moitos nenos e nenas tiñan sobre ese lugar; Leire achegou datos e vocabulario sobre o Monte do Facho (petroglifos, restos pre-romanos, garitas), Sofía Varela presentou o Monte da Peneda (Pedro Madruga, a capela, o secreto do túnel ata o Castelo de Soutomaior...) e Máia presentou as Illas Cíes, introducindo vocabulario relacionado coas illas/arquipélagos, cantando unha cantiga relacionada coa vexetación/itinerarios/prezos da visita por rangos de idade, etc). Cada presentación remata cun tempo de valoración (mestre e alumnado) que serve para mellorar as seguintes intervencións e establecer procesos de retroalimentación.
Nas asembleas xurdiu de novo a preocupación pola situación en Gaza e Palestina; compartimos noticias, formularon preguntas e traballamos a rutina de pensamento “Palabra – Idea – Frase” para que as ideas non queden só na emoción, senón que poidan crecer en texto. Esta mesma rutina querémola manter e aprofundar durante o trimestre.
Seguimos practicando estratexias de cálculo: reforzamos a división entre 3 coa técnica da “tea de araña” e traballamos a multiplicación coa estratexia do “tiburón”. Para elo, seguimos anvanzando de xeito individual nun caderno progresivo de cálculo que aborda as estratexias mencionadas. Sofía Varela trouxo materiais de casa sobre fraccións; foi o momento perfecto para recordar as actividades do Obradoiro Quinteiro da semana anterior e para presentar nunha primeira aproximación conceptos como fraccións, porcentaxes e números decimais (distinta representación da mesma cantidade).
Esta semana puxemos especial atención no recanto lingüístico, o que marchaba con máis atraso. Alí formularon e escribiron cartas que se enviarán aos compañeiros e compañeiras da escola a través dos buzóns individuais; quen rematou avanzou nos textos que formarán parte dunha campaña relacionada con Jane Goodall que estamos a preparar —máis adiante daremos máis información sobre esa iniciativa-.
Un pequeno equipo de catro alumnos/as preparou e gravou o guión do noso programa de radio, dedicado á animación á lectura: presentaron o libro Querida Susi, querido Paul e puxeron en práctica a escrita de guións e a expresión oral ante micrófono. Pódese escoitar o programa no apartado de "Radio Coviña".
No día da biblio traballamos a partir dun plan centrado no mundo dos cabalos (vínculo coa nosa lectura), onde tamén aproveitamos para aprender a localizar autores, ilustradores, editoriais e a catalogación básica dos exemplares. Como actividade creativa inventamos coplas sobre cabalos en catro versos (octosílabos con rima libre/a/libre/ consonante) exercitando a sonoridade e o xogo métrico.
Rematamos a semana con recollida de datos (para corrixir acentuacións e revisar textos) e con avaliacións breves que axudan ao alumnado a ver o que avanzou e o que queda por mellorar.