Comezamos un novo curso cheo de ilusións, reencontros e novas oportunidades para aprender xuntos. Setembro é sempre un mes de adaptación, de reconectar co grupo e de poñer en marcha as dinámicas que marcarán o ritmo do curso. As primeiras semanas axudaron a establecer rutinas, revisar hábitos de traballo e comprobar en que punto se atopa cada neno e nena, tanto no plano académico como no persoal.
Durante este tempo realizamos unha avaliación inicial que nos permitiu coñecer mellor o nivel de desenvolvemento das distintas competencias. A partir dela, retomamos tarefas instrumentais vinculadas á lectura, á escritura, á comprensión lectora, ao cálculo e á numeración, combinando exercicios de repaso con propostas de aprendizaxe máis abertas e creativas.
No ámbito lingüístico, a lectura e a escritura tiveron un papel protagonista. Retomamos dinámicas lectoras a través de lecturas compartidas e pequenas producións escritas, buscando que cada neno e nena atope o seu propio espazo de expresión. Iniciamos tamén os apadriñamentos lectores co alumnado de 2º de Primaria: un proxecto no que a lectura convértese nun vínculo entre maiores e pequenos, fortalecendo a responsabilidade, a comunicación e o gusto polo libro. As primeiras sesións resultaron entrañables e moi significativas.
Tamén fixemos unha primeira incursión no teatro, a partir de textos elaborados polo propio alumnado. As dramatizacións na aula convertéronse nun excelente exercicio de expresión oral, colaboración e creatividade. Sen dúbida repetiremos ao longo do curso.
En matemáticas, iniciamos o traballo con os Recantos matemáticos, unha proposta que combina a resolución de problemas, a lóxica e a exploración xeométrica. Seguimos insistindo no dominio das táboas de multiplicar, un recurso básico que lles permitirá avanzar con maior autonomía nas operacións de división ao longo do presente curso.
No ámbito dos contextos social e científico, comezamos o curso cun pequeno proxecto de investigación sobre Palestina, que serviu para abordar cuestións de actualidade desde unha mirada humanista e empática. A través de lecturas e conversacións, o alumnado achegouse á realidade da infancia noutros lugares do mundo, para poder comprender mellor conceptos relacionados cos dereitos, a desigualdade ou a convivencia.
A nivel artístico e plástico, visitamos o Obradoiro Quinteiro, onde puxemos en marcha dinámicas vinculadas á experimentación con materiais, á cor e á expresión persoal. A arte, como canle de comunicación e reflexión, segue a ocupar un espazo importante na vida da aula.
Tamén retomamos as visitas á biblioteca escolar, recuperando o pracer de escoller libros, comentar lecturas e participar nas primeiras actividades do Plan de Biblioteca.
Este inicio de curso foi tamén tempo para reforzar a cohesión do grupo. O feito de ser o segundo ano do ciclo permitiu que o alumnado retomase con facilidade as dinámicas de cooperación, respecto e axuda mutua, aspectos que seguimos coidando cada día.
Por último, dentro do traballo de ortografía e expresión escrita, repasamos cuestións relacionadas coa acentuación, afianzando aprendizaxes previas e incorporando novas estratexias para mellorar a corrección e o coidado da lingua. Sen dúbida este será un dos principais obxectivos para este curso dentro do ámbito lingüístico, ademais por suposto de seguir avanzando nunha mellora e progresión da competencia lectora, escritora, de comprensión oral escrita, de expresión, etc.
Adam fixo postre na casa e trouxo para repartir!