Ao longo destes días, a asemblea de aula serviu como punto de partida para organizar o traballo da semana e presentar os distintos recantos de aprendizaxe cos que comezamos a traballar. As propostas abranguen ámbitos diversos —matemático, lingüístico, artístico, de proxecto e dixital— e combínanse en formatos de traballo individual, por parellas e en pequeno grupo. Neste mesmo espazo presentouse tamén un novo libro que servirá de base para a elaboración dun audiolibro colectivo. Trátase dun texto poético de Antón Cortizas dedicado ás mariolas, palabra que nos levou a falar sobre este xogo tradicional de patio e sobre a relación que ten cos recitados ou cantigas que acompañaban o xogo. Como parte do proceso de investigación, propúxose ao alumnado preguntar nas súas familias por rimas ou versos que puidesen estar asociados a este xogo tan popular noutras épocas.
No ámbito matemático, continuamos coas tarefas sistemáticas de cálculo mental introducindo unha nova estratexia para a suma mental de números decimais, buscando maior axilidade e rapidez sen recorrer ao cálculo escrito. Paralelamente, mantívose o traballo coa división, seguindo as estratexias presentadas nas semanas anteriores, e combinouse con propostas de cálculo mental orientadas tamén á xestión de números decimais. Estas dinámicas complétanse coa resolución de actividades de comprensión e análise de situacións nas que aparecen preguntas enganosas, bromas ou pequenas mentiras piadosas, que requiren unha lectura atenta e unha interpretación crítica.
Unha parte importante das sesións estivo dedicada ao desenvolvemento dos recantos de traballo, nos que o alumnado vai rotando e realizando diferentes propostas de aprendizaxe. Estes espazos permiten combinar tarefas manipulativas, creativas e de investigación, adaptándose a distintos ritmos de traballo. As propostas concretas poden consultarse no apartado correspondente desta bitácora.
No ámbito da lectura e da expresión oral, avanzamos na preparación individual dos textos poéticos que formarán parte do próximo audiolibro dedicado a Antón Cortizas. Ao mesmo tempo, continuaron desenvolvéndose as exposicións orais, que nesta ocasión abordaron temas relacionados co corpo humano e coa saúde. Unha das intervencións estivo dedicada á doazón de sangue (Enzo), explicando os compoñentes do sangue, a utilidade deste xesto solidario e a importancia social das doazóns, o que deu lugar a un pequeno debate moi interesante sobre a necesidade deste tipo de accións. Noutra das exposicións, o alumnado afondou no funcionamento do cerebro (Maia), explicando as súas partes principais, a diferenza entre os dous hemisferios e a súa relación coa coordinación do corpo, os sentidos e o ámbito emocional. A exposición estivo acompañada de pequenos experimentos que permitiron comprobar reaccións e curiosidades do funcionamento cerebral. Tamén se realizou unha exposición dedicada aos pulmóns (Olivia), centrada nas enfermidades e doenzas que poden afectar a este órgano fundamental do noso corpo, organizando a información arredor de síntomas e causas e conectando o tema con outras exposicións realizadas previamente polos compañeiros e compañeiras. Nesta mesma liña, outra das exposicións estivo dedicada ao sentido do gusto (Bernardo), retomando e ampliando cuestións que xa apareceran nunha intervención anterior sobre os sentidos. A través dela coñecemos un novo sabor que detectan as nosas papilas gustativas, o umami, pouco coñecido polo alumnado ata o momento. Ademais, a exposición estivo acompañada dun pequeno experimento con sabores doces e agrios que serviu para abrir un interesante debate sobre as dificultades ou reticencias que ás veces temos ante determinados sabores e sobre como o noso padal vai aprendendo e adaptándose con novas experiencias.
No ámbito da biblioteca escolar, desenvolveuse o plan de traballo semanal vinculado nesta ocasión á conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller. A actividade comezou cun pequeno debate sobre a presenza e visibilidade das mulleres en distintos ámbitos da sociedade. A partir desta reflexión, o alumnado realizou unha pequena investigación para comprobar se existe paridade no número de autores e autoras presentes nos libros da biblioteca escolar. Por parellas elaboráronse gráficas sinxelas que recollen os datos de escritores e escritoras, así como de ilustradores e ilustradoras, permitindo observar e analizar a distribución real destes referentes.
Como cada semana, mantívose tamén a xuntanza cos compañeiros e compañeiras de segundo de primaria para desenvolver os apadriñamentos lectores, unha actividade de lectura compartida que fortalece o hábito lector e a relación entre cursos. Aproveitouse tamén este tempo para avanzar na proposta principal de expresión escrita, centrada nesta ocasión no texto descritivo. O alumnado escolleu unha persoa da aula ou da escola para realizar unha descrición física e persoal, acompañando o texto cunha fotografía tomada na propia clase coa autorización da persoa descrita. Posteriormente, os textos foron revisados mediante rúbrica e procesos de autoavaliación.
No marco das propostas de proxecto e coñecemento do medio, realizouse unha saída cultural á cidade de Pontevedra. Durante esta xornada o alumnado asistiu a unha representación teatral da compañía Negra, titulada Nautilus, unha obra que aborda cuestións relacionadas coa sustentabilidade, o coidado do planeta e a responsabilidade colectiva fronte á contaminación. A experiencia completouse cunha visita ao Museo de Pontevedra, concretamente á sala dedicada á prehistoria. Alí o alumnado puido recibir explicacións guiadas e observar de preto ferramentas e utensilios do Paleolítico, do Neolítico e da Idade dos Metais, tendo incluso a oportunidade de manipular réplicas de bifaces e outros instrumentos prehistóricos. Entre as pezas expostas chamou especialmente a atención o coñecido Tesouro de Caldas, considerado o achado de ouro prehistórico máis importante de Europa e que xa fora mencionado previamente nas sesións de aula.
Tamén se retomou a dinámica de contextos e plans de traballo compartidos co alumnado de cuarto, que a partir deste momento quedarán integrados nas dinámicas habituais da titoría ata o final do curso. As primeiras propostas céntranse en temas relacionados coa organización territorial do país e co clima e a paisaxe de Galicia, ampliando así o traballo iniciado no marco do proxecto PDI.
Por último, dentro das propostas de aprendizaxe máis manipulativa e artesanal, realizouse unha sesión no obradoiro da escola na que o alumnado puido experimentar con técnicas tradicionais como tecer ( xa realizada algunha dinámica no curso pasado) e iniciarse tamén na actividade da calceta. Estas actividades contaron coa colaboración das alumnas en prácticas que actualmente se atopan no centro. Ademais do valor cultural destas técnicas, o seu desenvolvemento contribúe a fortalecer a psicomotricidade fina, a atención, a concentración e tamén a crear espazos de convivencia e colaboración dentro do grupo.