SEMANA DO 26 AO 30 DE XANEIRO.
No ámbito da asemblea e da comunicación oral, presentouse a próxima exposición oral, que xirará arredor do corpo humano. Explicáronse os distintos ámbitos e temáticas posibles (aparellos e sistemas, saúde, funcións do corpo…) e insistíuse especialmente na importancia de realizar unha exposición oral real, na que o alumnado explique, argumente e se comunique co público, evitando limitarse á lectura literal do texto escrito, unha cuestión que xa se detectara como mellorable na exposición do trimestre anterior. Estas reflexións serviron tamén para lembrar a importancia da preparación previa e da organización das ideas.
Dentro do proxecto sobre gastronomía galega, viviuse un momento significativo para os rapaces e rapazas coa achega dunha nasa real á aula, un aparello tradicional de pesca conseguido grazas á colaboración familiar dunha nena da clase. Este elemento permitiu observar, manipular e analizar de maneira directa unha das artes de pesca que xa aparecera nas investigacións previas relacionadas coa captura do polbo, enriquecendo o proxecto cunha experiencia real e moi motivadora para o alumnado. A partir desta achega, continuouse afondando nas artes de pesca e trasladando a información recollida aos documentos do proxecto.
No ámbito matemático, iniciouse o traballo específico coas medidas de capacidade, presentando e utilizando material manipulativo para coñecer as unidades máis habituais da vida cotiá: litro, medio litro, cuarto de litro, centilitro e mililitro. A través de trasvases, probas con medidores e resolución de situacións prácticas, o alumnado puido comprender de maneira experimental as relacións entre estas unidades e aplicalas a contextos reais. Este traballo completouse con problemas contextualizados e co afondamento na resolución de divisións mediante a estratexia da “tea de araña”, tanto entre 4 como entre 5, aproximando os resultados a dous decimais. Algúns destes procesos foron explicados polo propio alumnado en pequenas gravacións en vídeo que xa se poden consultar na bitácora de aula. Ademais, iniciouse unha nova batería de cálculo mental orientada á rapidez e á axilidade, con operacións que combinan decenas e unidades non redondas.
No eido lingüístico, retomouse o repaso das categorías gramaticais xa coñecidas —determinante e nome, diferenciando entre nome común e propio— e realizáronse prácticas colectivas de concordancia de xénero e número, apoiándose nas figuras do método Sintaxe. En paralelo, dentro da expresión escrita, parte do alumnado rematou tarefas pendentes relacionadas coa elaboración de receitas do plan de biblioteca, mentres outras persoas iniciaron novos textos libres. Queda pendente para a vindeira semana a corrección e avaliación con rúbricas de autoavaliación.
A lectura ocupou tamén un lugar destacado. Traballouse de maneira colectiva coa obra Bicos e non balas, de Antonio García Teijeiro, utilizando as súas poesías como punto de partida para analizar metáforas e comparacións relacionadas coa paz e o pacifismo. Estas lecturas inspiraron a creación de libros pop-up nos que cada neno e nena incorporou versos propios arredor deste tema. Continuouse tamén co club de lectura, xa moi próximo ao remate de O diario de Paul e O diario de Susi, o que deu lugar a interesantes debates sobre as semellanzas e diferenzas entre ambos personaxes, así como á elaboración de resumos e selección de palabras clave para cada capítulo.
No ámbito da biblioteca escolar, deuse continuidade ao plan de traballo relacionado coa gastronomía e os libros de cociña. Nesta ocasión, o alumnado centrouse na localización de novo vocabulario —as chamadas “palabras raras”—, deducindo o seu significado a partir do contexto. Ademais, desenvolveuse unha proposta creativa que incluía a escritura dun diálogo ambientado nun restaurante entre un chef e un crítico gastronómico, seguido da súa representación mediante mímica e dramatización. Estas actividades contribuíron a integrar lectura, escritura, expresión oral e corporal nun mesmo proceso.
A dimensión artística e expresiva estivo presente coa preparación dunha danza tradicional galega e dunha cantiga vinculada á paz, que se traballaron tanto a nivel musical como corporal. Estas propostas culminaron nun acto colectivo para conmemorar o Día Internacional da Paz, no que a danza se empregou como símbolo de unión, cooperación e necesidade de convivencia pacífica, tanto no noso contexto máis próximo como no mundo en xeral. O traballo completouse con pequenas intervencións poéticas e escritas relacionadas co pacifismo.
Por último, cabe destacar a asistencia a unha representación teatral en lingua inglesa, que tivo unha excelente acollida por parte do alumnado. A obra resultou moi adecuada tanto a nivel lingüístico como metodolóxico, converténdose nunha experiencia enriquecedora e motivadora para todos e todas.