Ao longo destes días continuaron desenvolvéndose as exposicións orais do alumnado. Nesta ocasión Mateo Piñeiro presentou un traballo dedicado ao síndrome de Down, explicando en que consiste esta condición e facendo referencia á presenza dun cromosoma extra no par 21. A exposición deu lugar a un interesante diálogo no que xurdiron diversas preguntas e reflexións por parte do grupo, favorecendo unha conversa respectuosa arredor da diversidade e das distintas realidades que forman parte da nosa sociedade.
Nas asembleas de aula, ademais das habituais dinámicas de avaliación semanal e do espazo para compartir noticias ou experiencias persoais, realizamos tamén unha pequena lectura vinculada co proxecto de gastronomía que estamos a desenvolver. O texto estaba dedicado a dous ingredientes fundamentais na nosa cociña: o millo e as patacas. A través da lectura descubrimos que estes produtos teñen relativamente pouco tempo de presenza na nosa alimentación, xa que chegaron a Europa hai aproximadamente catrocentos anos procedentes de América, tras as viaxes de exploración que conectaron ambos continentes. A partir desta información reflexionamos tamén sobre que alimentos se utilizaban antes da súa chegada, aparecendo exemplos como o centeo ou as castañas, que tiveron un papel moi importante na alimentación tradicional.
No ámbito matemático dedicamos varias sesións ao desenvolvemento dunha estación matemática, organizada en diferentes retos e propostas. Unha das estacións estivo centrada nas figuras tridimensionais, clasificando poliedros, cilindros, conos e pirámides, e identificando en cada caso o número de caras, arestas e vértices. Noutra actividade traballamos o trazado e clasificación de triángulos segundo os seus lados, relacionando este coñecemento co cálculo do seu perímetro. Tamén iniciamos o uso do compás, un primeiro achegamento destinado a aprender a suxeitar correctamente este instrumento e a trazar círculos concéntricos, co obxectivo de continuar máis adiante con novos conceptos xeométricos. Outra das estacións presentaba unha situación da vida cotiá relacionada coa compra no supermercado, na que era necesario calcular prezos por quilo ou por unidade, así como operacións con medio quilo ou cuarto de quilo. A proposta completouse cunha actividade de lóxica matemática baseada en monogramas, unha tarefa que o alumnado lembraba con interese do curso anterior.
En paralelo continuamos coas rotacións nos contextos de aprendizaxe, mantendo os centros de interese que estamos a traballar actualmente: por unha banda o clima e a meteoroloxía de Galicia, por outra a organización administrativa de Galicia e do Estado, e tamén o tempo destinado a completar e avanzar en propostas vinculadas co proxecto PDI.
No ámbito cultural da escola tivemos ocasión de asistir á representación da obra teatral “Moita televisión”, posta en escena polo grupo de teatro escolar "O Merlo". A participación de varias alumnas da clase no espectáculo fixo que a experiencia fose especialmente emocionante para o grupo, que puido gozar da representación e apoiar ás súas compañeiras sobre o escenario.
Tamén participamos nunha xornada deportiva dedicada ao balonmán, na que coincidimos con alumnado doutros centros da contorna. A actividade permitiu compartir unha mañá de deporte e convivencia, favorecendo o coñecemento entre nenos e nenas de diferentes escolas da comarca.
Durante a visita semanal á biblioteca escolar presentamos unha publicación que recolle unha síntese da obra do coñecido artista urbano Banksy. Conversamos sobre este enigmático creador, posiblemente procedente das illas británicas, sobre a súa maneira de traballar no espazo público e sobre as mensaxes sociais e críticas que transmiten moitas das súas obras. O alumnado tamén descubriu que no corredor principal da nosa escola existe unha reprodución dun dos seus graffitis, o que permitiu establecer unha conexión directa entre a obra do artista e o noso propio entorno escolar.
Dentro do ámbito lingüístico, unha das alumnas en prácticas que se atopa estes meses na aula deseñou unha serie de estacións de aprendizaxe centradas na ortografía, nas que traballamos diferentes cuestións relacionadas co uso correcto de determinadas letras e combinacións. Tras completar estas actividades continuamos desenvolvendo outras estacións pendentes, especialmente as vinculadas ao ámbito matemático e á xeometría.
Como cada semana, realizamos tamén a actividade de apadriñamento lector cos nenos e nenas de segundo de primaria, compartindo momentos de lectura conxunta. Ao rematar a sesión desprazámonos ata o patio da Charca, onde aproveitamos para estrear as novas mesas instaladas recentemente e realizar unha actividade de texto libre nun ambiente tranquilo ao aire libre.
Para pechar a semana realizamos unha nova visita ao Obradoiro Quinteiro, onde o alumnado se organizou en tres grupos para participar en distintos talleres artesanais: calceta, teares e elaboración de pulseiras. Estas propostas permiten traballar a psicomotricidade fina, a concentración e a creatividade, ao tempo que fomentan a colaboración e o gusto polo traballo manual e artístico.