Resumo semanal
Na asemblea, realizáronse lecturas de contos de Gianni Rodari pertencentes ao libro Contos ao teléfono, o que permitiu compartir impresións sobre as historias e recoñecer aquelas xa coñecidas. Reflexionouse tamén sobre noticias da fin de semana, como viaxes e plans en familia. Ademais, debatéronse cuestións organizativas e normativas sobre os xogos no recreo, fomentando a participación do alumnado na toma de decisións. A través da análise de poesía visual, tanto de Chema Madoz como doutros autores, traballouse a interpretación simbólica das imaxes e a reflexión sobre conceptos como o efémero.
No ámbito matemático, reforzouse a multiplicación con números que inclúen ceros á dereita mediante a estratexia do tiburón. Tamén se traballou a descomposición, escritura e lectura de números con unidades e decenas de millar, vinculando estes conceptos con situacións da vida cotiá. A semana pechouse cunha proba de repaso das táboas de multiplicar ata o 7 e co recoñecemento de cantidades numéricas con unidades e decenas de millón.
No ámbito lingüístico, continuouse coa gravación das Historias Patagónicas na emisora de radio escolar. Tamén se realizaron sesións de lectura por parellas e un novo texto libre, co correspondente proceso de revisión de maiúsculas, ortografía e puntuación. No club de lectura semanal, avanzouse no capítulo 3 do libro en curso, reflexionando sobre a importancia da fantasía na historia e comparando as capacidades imaxinativas de adultos e nenos. A partir da lectura, desenvolveuse un taller artístico no que cada estudante creou unha ilustración baseada nun ser imaxinario.
No proxecto da Patagonia, investigáronse os instrumentos e a música tradicional da rexión, identificando elementos como o charango, o kultrún, a pifilca e a trutruka. Para contextualizar a investigación, comparáronse estes instrumentos cos propios da tradición galega e doutras culturas. Creouse unha carpeta para organizar todos os materiais recompilados ata o momento e completouse un glosario con termos relevantes para o proxecto. Ademais, investigouse sobre o mate, explorando a súa importancia cultural e visualizando o proceso tradicional de preparación en Arxentina. Outro avance destacado foi a selección da escola da Patagonia coa que se establecerá contacto, escolléndose finalmente "La Escuelita de Calafate". O alumnado redactou o correo de presentación e enviouno, estando atentos ás posibles respostas.
Durante os recantos de traballo autónomo, avanzouse nas diferentes áreas segundo os intereses e necesidades de cada estudante. No obradoiro artístico, propúxose a fabricación dun pequeno tear con la e cordas de cores, traballando precisión na medición, corte e entrelazado. A actividade resultou tan motivadora que moitos alumnos decidiron continuar co proxecto na sesión de "Proxecto Libre" do venres. Debido ao tempo dedicado a esta tarefa, o servizo de préstamo de libros trasladouse para a semana seguinte.
Iniciamos o xoves a primeira exposiciòn oral deste trimestre adicada ao mundo da emigración e que formará parte do PDI "Cruzamos?" que desenvolvemos este curo. Tomás e Adam foron os nenos da aula que nos trouxeron as súas historias de emigración nas súas familias. Establecéronse pequeno debates relacionados coas historias de vida que expuxeron, sobre os lugares, as características, etc.
No apartado de "Radio Coviña" desta bitácora comezamos a colgar algúns dos audios elaborados polos nenos e nenas de aula e pertencentes ao Proxecto Patagonia.
No sorteo da Mochila Viaxeira esta semana tocoulle a Maia!