MARÍA CASARES

laura castro lourenzo


María Casares

(A Coruña, 21 de novembro de 1922 - Alloue, Francia, 22 de novembro de 1996)

actriz

María Victoria Casares Pérez, nada na Coruña o 21 de novebro de 1922 e finada en Alloue (Charente, Nova Aquitania, Francia) o 22 de novembro de 1996, foi unha actriz galega que triunfou en Francia, onde residía como exiliada por ser filla de Casares Quiroga, que fora Ministro da II República Española durante o goberno de Azaña. En Francia era coñecida como Maria Casarès.

Foi considerada unha das grandes actrices do teatro e o cinema francés e apareceu en clásicos como Les enfants du paradis, especialmente durante as décadas de 1940 e 1950.

Estudou no Colexio Grande Obra de Atocha, no Campo da leña, a poucos metros do seu domicilio na rúa Panadeiras da Coruña. En 1931, a familia trasladouse a Madrid. No seu novo establecemento comezou a facer teatro. Por mor da Guerra Civil, saíron de España e chegaron a París o 20 de novembro de 1936, un día antes dos aniversarios de María. Aloxáronse no Hotel Paris-Nova York, rue de Vaugirard (hoxe desaparecido). Estudou no Instituto Victor- Duruy, onde aprendeu francés. Coñeceu o actor español Pierre Alcover e á súa esposa, membro da Comedia Francesa, Colonna Romano. Este axudou á familia Casares e incitou a María a dedicarse ao teatro.

Estudou interpretación no Conservatorio de París, no que conseguira entrar en 1941 a pesar das súas dificultades co idioma. A través dun arduo traballo, ingresou nesa prestixiosa institución, na que interpretou a Hermione e Eriphile. Ten como profesora a Béatrix Dussane e fai amizade con Alice Sapritch. Obtivo un primeiro premio de traxedia e un segundo premio de comedia. O primeiro papel profesional que obtivo foi na Celestina. Atrae a atención de Jean Marchat e Marcel Herrand que entre 1942 e 1944, montan para ela Deirdre dos pesares de Synge, Lle Voyage de Thésée de Georges Neveux, con gran éxito, e Solness o construtor de Henrik Ibsen. En 1944 coñeceu a Albert Camus, con quen mantivo unha relación sentimental ata a morte deste en 1960. Protagonizou varias obras escritas por Camus, como O malentendido, O estado de sitio e Os xustos, e representou obras de Sartre, Jean Anouilh, Jean Cocteau, Genet e Claudel, converténdose en musa do existencialismo francés. En 1949, entra na Comédie Française e cinco anos máis tarde no Teatro Nacional Popular ( TNP), compañía pública cunha forte preocupación social. Participou na creación e potenciamento do Festival de Aviñón. María Casares interpretou a Lady Macbeth, María Tudor, Ana Petrova, etc. en obras de Shakespeare, Victor Hugo e Antón Chéjov, Ibsen, Eurípides, entre moitos outros. No cinema iniciouse no clásico de Marcel Carné, Les enfants du paradis e pouco despois, en 1944, protagoniza As damas do Bosque de Boloña de Robert Bresson. Jean Cocteau dirixiuna en Orphée (1950) e fíxose moi popular, aínda que en España foi silenciada.


Co escritor francés Camus, de quen foi musa.


Unha das súas últimas interpretacións


Entrevista á actriz