INÉS de BEN

Ana I. martínez FErnández


inés de ben

(século xVi-xvii)

heroína da cidade

Ao lado de María Pita a historia fala, menos, de outra muller, con menos influencia social, pero que sen dúbida era daquelas que ao primeiro aviso acudía a defender o seu e o de todos.

Inés de Ben formou parte dese exército que defendeu a cidade coas súas mans cando en maio de 1589 o pirata Drake, ao mando da frota da súa Maxestade a raíña de Inglaterra, entra na Coruña e ten que ser a poboación, no seu conxunto a que defenda a súa cidade.

Inés de Ben é unha modesta comercianta que axuda, como tantas outras mulleres a reconstruír as murallas, mentres a tropa contén os ingleses.

Mais o seu papel vai máis alá. Perde o seu marido no primeiro día da batalla e, cando se acaban as municións, pon ao dispor das autoridades todo o que pode valer da súa tenda situada na Peixaría: cordas, chumbo, pólvora… Ela tampouco sae indemne: recibe dous impactos dun arcabuz: un na cabeza e outro nunha perna… que a retiran da batalla.

Cando son expulsados os ingleses, Inés, con dous fillos que alimentar e sen poder traballar, ten que pedir esmola para comer. Mais aínda así, non se resigna e inicia un preito no que demanda do Rei a restitución do perdido.

En 1915, no boletín número 97 da Real Academia Galega, Eladio Oviedo Arce, transcribe as declaracións da propia Inés e de varias testemuñas, e que figuran no Arquivo do Reino de Galiza, nun proceso destinado a reclamar a restitución do entregado por Inés de Ben na defensa da cidade. Ponse de manifesto como perdeu marido e facenda, unha “merçaría” na que había, entre outras moitas cousas, chumbo, pólvora e corda por valor de máis de 800 ducados; que todo o entregou para a defensa da cidade, ademais de traballar na reparación dos muros e de ser ferida, segundo testemuña o médico que a atendeu na cabeza e no muslo esquerdo, de dous balazos.

Perdeu o preito, morreu na indixencia e foi soterrada nunha foxa común, coma moita outra xente.