LUZ CASAL

María Romero pedreira

luz casal

(Boimorto, A Coruña, 11 de novembro de 1958 )

cantante


María Luz Casal Paz é unha cantante e compositora coruñesa nada en Boimorto en 1958. Logrou fama internacional, sobre todo en Francia, e é unha das solistas máis valoradas da música popular en España. Comezou a súa carreira musical no Madrid dos 80 con álbums de estilo rock, un xénero que aceptaba aínda con reticencias ás mulleres. Tamén se interesou polo canto lírico e estudou a técnica do bel canto, algo que se manifesta na súa magnífica interpretación de baladas.

Tras publicar catro discos e actuar en festivais europeos, chégalle o éxito masivo en 1989 co seu álbum Luz V. Temas como como Loca, Te dejé marchar y No me importa nada acabarán por converterse en clásicos. Foi entón cando interpretou dúas cancións na película de Pedro Almodóvar, Tacones lejanos. Non foi a súa única relación co cinema, chegou a gañar o Goya á mellor canción polo tema que compuxo xunto a Pablo Guerrero para a película El bosque animado; e o director Alejandro Amenábar incluíu a súa versión de Negra sombra, o fermoso poema de Rosalía de Castro, na oscarizada película Mar adentro.

Publicou 14 discos e vendeu máis de 5 000 000 copias nos seus máis de trinta anos de carreira musical. Gañou diversos premios e distincións entre os que destacan o Grammy latino honorífico, a Medalla das Artes de Francia ou o Premio Nacional de Músicas Actuais. Superou un cancro de mama e recibiu o premio V de Vida da Asociación Española Contra o Cancro (AECC), pola súa forza exemplarizante á hora de afrontar a devandita enfermidade e pola súa solidariedade coas persoas afectadas.

En 2012 puxo en marcha un festival de música en Boimorto, O Festival da Luz. Ten carácter benéfico e a recadación é destinada á AECC e ao Banco de Alimentos.

Luz fronte a un cartaz do "Festival da Luz"


Emotiva versión de "Negra Sombra" interprretada por Luz e Carlos Núñez