Berlín
"Equity in education: embracing divirsity in special needs"
"Equity in education: embracing divirsity in special needs"
Inicio do curso.
Comezamos a nosa experiencia Erasmus+ en Berlín coñecendo aos tres compañeiros de Romanía cos que compartiremos aprendizaxes, reflexións e experiencias ao longo destes días.
Nesta primeira xornada realizamos unha introdución ás Necesidades Educativas e á importancia da inclusión no ámbito escolar. Reflexionamos sobre a necesidade de recoñecer as fortalezas e os desafíos de cada alumno e alumna, co obxectivo de ofrecer unha ensinanza máis individualizada, equitativa e de calidade.
Acomodación e diferenciación na aula
Nesta sesión comezamos a profundar un pouco máis nas estratexias educativas de acomodación e diferenciación, reflexionando sobre a súa importancia para dar resposta á diversidade do alumnado.
Traballamos de xeito colaborativo na procura de propostas prácticas para implementar estratexias de acomodación eficaces nas aulas, co obxectivo de favorecer ambientes de aprendizaxe máis inclusivos, accesibles e respectuosos coas necesidades de cada alumno e alumna.
Tecnoloxía e Deseño Universal para a Aprendizaxe.
No ecuador da semana comezamos a reflexionar sobre o uso de tecnoloxías que favorezan o proceso de ensinanza e aprendizaxe, facilitando a participación e o acceso aos contidos por parte de todo o alumnado.
Tamén iniciamos unha conversa arredor das vantaxes do Deseño Universal para a Aprendizaxe (DUA), entendido como unha guía para ofrecer diferentes formas de participación, representación e expresión, co obxectivo de responder mellor á diversidade presente nas aulas.
Apoio condutual positivo.
Neste día, o foco recaeu sobre o apoio condutual positivo como ferramenta para favorecer a convivencia e o benestar nas aulas.
Analizamos a importancia da observación, dos rexistros e do acompañamento do alumnado en diferentes tipos de situacións. Ademais, reflexionamos sobre distintas estratexias que contribúen á creación dunha cultura escolar positiva, baseada no respecto, na prevención e na resposta educativa ás necesidades de cada alumno e alumna.
Traballo en equipo e peche do curso.
No último día falamos sobre a importancia do traballo en equipo e da coordinación entre todos os membros da comunidade educativa como elemento fundamental para avanzar cara a unha escola máis inclusiva.
Ao longo da sesión levamos a cabo un breve proxecto conxunto e realizamos presentacións sobre os nosos centros educativos, o que nos permitiu compartir diferentes realidades, experiencias e formas de traballar.
O curso chegou ao seu fin facendo fincapé na importancia de ofrecer unha educación inclusiva e de calidade, así como na necesidade de poñer en práctica nos nosos centros todo o aprendido durante estes días.