muler negra

MARUXA MALLO

BETHY díaz garcía (4º ESO A)

MULLER NEGRA

(MARUXA MALLO)


Maruxa Mallo, pseudónimo de Ana María Gómez González, nada en Viveiro o 5 de xaneiro de 1902 e finada en Madrid o 6 de febreiro de 1995, foi unha pintora surrealista galega.

Foi a cuarta filla do matrimonio formado por Justo Gómez Mallo e María del Pilar González, e irmá máis vella do escultor Cristino Mallo (nado en Tui en 1905). Os dous irmáns utilizaron o segundo apelido do seu pai.

Sendo aínda unha nena a súa familia trasladouse á localidade asturiana de Avilés.

En 1922, con 20 anos, trasladouse a Madrid para estudar na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando onde permaneceu ata 1926, como tamén fixo o seu irmán dende 1923. Alí relacionouse con artistas, escritores e cineastas como Salvador Dalí, Federico García Lorca, Margarita Manso, Luis Buñuel, María Zambrano e Rafael Alberti, co que mantivo unha relación ata que aquel coñeceu a María Teresa León. En 1927 tomou parte activa na primeira "Escuela de Vallecas", unha proposta 'plástico-poética' do escultor Alberto Sánchez Pérez e o pintor Benjamín Palencia.

Durante esa década de 1920 traballou tamén para numerosas publicacións literarias como La Gaceta Literaria, El Almanaque Literario ou Revista de Occidente e realizou portadas de varios libros. Ortega y Gasset coñeceu os seus cadros en 1928 e organizoulle unha exposición nos salóns da Revista de Occidente. Exhibiu dez óleos que representaban pobos cheos de sol, toureiros e manolas, así como estampas coloreadas de maquinaria, deportes e cine de principios de século. A exposición foi todo un acontecemento cultural en Madrid, e tamén punto de partida para que Maruxa fose xulgada pola súa obra e non pola súa condición feminina.

Unha bolsa da Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas permitiulle ir a París en 1932, onde entrou en contacto co surrealismo (coñeceu a Max Ernst, René Magritte, Joan Miró, Giorgio de Chirico e outros), e participou en parladoiros con André Breton e Pail Éluard. Mudou a súa concepción sobre a pintura, alí comezou a súa etapa surrealista. A súa pintura cambiou radicalmente e alcanzou a mestría, tanto que o mesmo Breton lle comprou en 1932 o cadro titulado Espantapájaros, obra poboada de espectros que hoxe é considerada unha das grandes obras do surrealismo.

De regreso a España comprometeuse coa Segunda República, e deu clases de pintura en Arévalo (Ávila) e Madrid. A sublevación do 18 de xullo de 1936 colleuna en Galicia, co seu mozo Alberto Fernández Martínez, onde estaba participando como mestra das Misións Pedagóxicas. Refuxiouse en Vigo, na casa dun tío seu, onde viviu oculta por medo a unha denuncia. Pasou case seis meses oculta ata que en xaneiro de 1937 conseguiu chegar a Tui e de alí a Lisboa.

Con axuda de Gabriela Mistral, embaixadora de Chile en Lisboa, logrou viaxar ata América en febreiro de 1937. Acabou por instalarse na Arxentina. A chegada de Perón fixo que marchase aos EEUU, e instalouse en Nova York. Porén, en 1965 decidiu regresar a España, e fixou a súa residencia en Madrid.

En 1979, comezou a súa última etapa pictórica con Los Moradores del vacío. Tiña daquela 77 anos, mais aínda conservaba o frescor e a vitalidade que a acompañaran toda a súa vida. Na década dos 90 ofrecéronlle varias exposicións e premios, como a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes e o Premio de Artes Plásticas de Madrid. Cunha exposición monográfica da súa obra inaugurouse o Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela en 1993.

Meses despois faleceu en Madrid aos 93 anos.




A pintora Maruxa Mallo