FRIDA KAHLO
Ana I. martínez FErnández
FRIDA KAHLO
Magdalena del Carmen Frida Kahlo Calderón, nada en Coyoacán (Cidade de México) o 6 de xulo de 1907 e finada o 13 de xullo de 1954, foi unha recoñecida pintora e poetisa mexicana. Kahlo naceu e morreu en Cidade de México, no seu fogar coñecido como "La casa azul". A súa obra é considerada emblemática en México pola tradición indíxena. Igualmente, é valorada polo feminismo debido á súa comprometida representación da forma e da experiencia feminina. A súa vida estivo cruzada polo infortunio dunha enfermidade infantil, a poliomelite, e por un grave accidente na súa mocidade que a mantivo prostrada durante longos períodos. De feito, chegou a someterse até a 32 operacións cirúrxicas. Levou unha vida pouco convencional, foi bisexual e entre os seus amantes atopábase Lev Trotski. A súa obra pictórica xira tematicamente en torno á súa biografía e ao seu propio sufrimento.
En 1939 expuxo as súas pinturas en Francia grazas a unha invitación de André Breton. Este tentou convencela de que eran «surrealistas», aínda que Kahlo dicía que esta tendencia non correspondía coa súa arte, xa que ela non pintaba soños senón a súa propia vida. Unha das obras desta exposición (Autorretrato-O marco, que actualmente se atopa no Centro Georges Pompidou), converteuse no primeiro cadro dun artista mexicano adquirido polo Museo do Louvre. Até entón, Frida Kahlo pintara só no ámbito privado, e custoulle admitir que a súa obra puidese ter interese xeral. Aínda que gozou da admiración de destacados pintores e intelectuais da súa época como Pablo Picasso, Vasili Kandinski, André Breton ou Marcel Duchamp, a súa obra alcanzou fama e verdadeiro recoñecemento internacional despois da súa morte, especialmente a partir da década de 1970.
Frida foi a terceira filla do fotógrafo Carl Wilhelm Kahlo, inmigrante alemán nacionalizado mexicano, e da súa segunda esposa, Matilde Calderón, unha indíxena mexicana. As súas dúas irmás máis vellas foron Matilde (nada en 1899) e Adriana (nada en 1902). En 1906 naceu Guillermo, que sobreviviu só uns días, e en xuño de 1908, a irmá máis nova, Cristina. Ela foi a súa constante compañeira e a única das irmás que deixou descendencia. Frida tivo tres medias irmás máis vellas: Luisa (nada en 1894), María (nada en 1896 e finada aos poucos días de nacer) e Margarita, froito do primeiro matrimonio do pai con María Cardeña Espino (chamada tamén Sardeña nalgunhas fontes), falecida no parto de Margarita en 1898.
Abondan as publicacións que sinalan ao pai de Frida como alemán de orixe xudeu-húngara. A máis difundida é a versión que recolle a biógrafa Hayden Herrera, quen afirma que os avós de Frida proviñan de Hungría, precisamente de Arad, unha rexión que hoxe en día pertence a Romanía, e establecéronse na cidade alemá de Baden-Baden, onde nacería o pai de Wilhelm no ano 1872. Wilhelm, o pai de Frida, procedía de Pforzheim,, e e tanto os avós —Jakob Wilhelm Kahlo e Henriette Kaufmann— coma os demais antepasados pertencían á burguesía local e eran de fe luterana. A investigación logrou establecer unha árbore xenealóxica con ascendentes verificados ata o ano 1597.
Tras a morte da súa nai (a avoa de Frida) en 1878, e debido ás desavinzas coa nova esposa do seu pai, Wilhelm Kahlo embarcou en Hamburgo e chegou a Veracruz (México) en 1890. Como parte da ruptura coa súa familia, cambiou o seu nome polo equivalente en español: Guillermo. O 15 de agosto de 1893 contraeu matrimonio con María Cardeña, de quen enviuvou catro anos máis tarde. O 21 de febreiro de 1898 celebrou o seu matrimonio eclesiástico con Matilde Calderón, a nai de Frida, unión lexitimada civilmente o 29 de setembro de 1904. Ese mesmo ano, tres anos antes do nacemento de Frida, a familia mudouse á localidade de Coyoacán á coñecida como Casa Azul, o 247 da rúa Londres, actualmente o Museo Frida Kahlo. A instancias de Matilde, as dúas irmás máis vellas de Frida (fillas do primeiro matrimonio de Guillermo Kahlo) estudaban internas na escola dun convento, de modo que só pasaban as vacacións na casa da familia Kahlo-Calderón.
A vida de Frida estivo marcada desde moi temperá idade polo sufrimento físico e as doenzas. A primeira foi a poliomelite, que contraeu en 1913 cando tiña seis anos, que a obrigou a permanecer nove meses encamada. Deixoulle, amais, unha secuela permanente: a perna dereita moito máis delgada que a esquerda. Animada polo seu pai e como parte da súa rehabilitación, Frida practicou diversos deportes, algúns pouco usuais para unha nena, como fútbol ou boxeo.
Con todo, a evidente limitación motriz e as constantes operacións cirúrxicas e tratamentos médicos fixeron que Frida se desenvolvese de modo diferente. De feito, con frecuencia víase impedida de relacionarse con outros nenos. Varios dos cadros que pintaría na súa vida adulta reflicten a temática da soidade da súa infancia. Un exemplo recorrente, Catro habitantes da Cidade de México (1938), un óleo sobre metal de 32,4 x 47,6 cm, mostra unha nena sentada sobre unha superficie en altura e ataviada cun traxe de tehuana. A nena parece abandonada e triste, e chucha o dedo con desolación. Outro cadro dese mesmo ano, Nena con máscara de morte ou Ela xoga soa, que Frida pintou en dúas versións, mostra tamén unha nena duns catro anos cunha máscara de caveira. Malia tratarse aquí do Día dos Mortos, unha festa popular en México, tamén se comentou o sentimento de soidade que transmite esa nena, quen se supón que representa á propia Frida.
Mentres a ambivalencia de sentimentos de amor e odio caracterizou o vínculo de Frida coa súa nai, a relación co seu pai sempre foi de moito agarimo e proximidade. Fíxose aínda máis estreita tras a poliomielite de Frida, pois foi el quen a acompañou no proceso de rehabilitación. Frida, á súa vez, foi testemuña dos continuos e misteriosos desmaios do seu pai, para ela inexplicábeis. Tratábanse, ao parecer, de ataques epilépticos, secuela dunha lesión cerebral. Co tempo, Frida aprendeu a prestarlle asistencia nestas circunstancias e finalmente decatouse da súa causa. A experiencia compartida de enfrontarse a esas doenzas uniunos na solidariedade e na empatía.
Non se logrou identificar con exactitude a escola á que asistiu Frida antes de 1922. Sinalouse en reiteradas ocasións que foi alumna do Colexio Alemán até 1921 e que alí obtivo o graduado escolar. Con todo, non figura nas actas do colexio, nin tampouco tiña ela fluidez en alemán, como ela mesma lle admitiu nunha carta en inglés de 1949 a Hans-Joachim Kahlo, cando tentaba pescudar sobre os seus devanceiros e a súa familia de Alemaña.
En 1922 iniciou estudos na Escola Nacional Preparatoria da Cidade de México, unha prestixiosa institución educativa que daquela comezaba a admitir estudantes de sexo feminino. En efecto, estaban matriculadas só 35 mulleres, dun total de dous mil alumnos. Naquel momento, Frida aspiraba a estudar medicina. Na escola coñeceu futuros intelectuais e artistas mexicanos, como Salvados Novo, e formou parte de Los Cachuchas, chamados así polas gorras que usaban. A este grupo só pertencían dúas mulleres: Carmen Jaime e a propia Frida. Os demais, todos homes, tiveron éxito intelectual ou profesional xa de adultos na sociedade mexicana: Agustín Lira, Miguel Lira, Alfonso Villa, Manuel González Ramírez, Jesús Ríos y Valles, José Gómez Robleda e quen se converteu no seu noivo, Alejandro Gómez Arias. Los Cachuchas autodefiníanse como un grupo político e crítico coa autoridade, e mobilizábanse contra as inxustizas e polas reformas do sistema escolar. A súa actividade e posición política calzaba nalgún espazo entre as ideas anarquistas e revolucionarias románticas. Máis adiante, Frida plasmaría sobre a tea unha escena típica dos seus encontros con estes amigos. O óleo, pintado en 1927 e con estilo cubista, leva por título Los Cachuchas (ou, alternativamente,Si Adelita...) e transmite, con axuda de símbolos, a atmosfera grupal e os intereses dos membros do grupo
O 17 de setembro de 1925 sufriu un grave accidente cando o autobús no que viaxaba foi embatido por un tranvía e ficou esmagado contra un muro. Regresaba da escola á casa xunto con Alejandro Gómez Arias, o seu mozo de entón. A columna vertebral quedoulle fracturada en tres partes, e sufriu amais fracturas en dúas costelas, na clavícula e tres no óso pélvico. A perna dereita fracturouse en once partes, o pé dereito dislocouse, o ombreiro esquerdo desencaixouse e un ferro atravesouna desde a cadeira esquerda até saír pola vaxina. Respecto diso, Kahlo comentaba que sería esta a forma brutal na que perdera a virxindade. O aparatoso accidente levouna por diversos hospitais, ademais de inmobilizala durante un ano, no que permaneceu escaiolada. A medicina do seu tempo fíxoa pasar por múltiples cirurxías (polo menos 32 ao longo da súa vida), corpiños de xeso e de distintos tipos, así como diversos mecanismos de «estiramento».
A comezos de 1925, antes do accidente, traballara como aprendiz no obradoiro de gravado e imprenta de Fernando Fernández Domínguez, amigo do seu pai. Este, no medio do traballo, ensináballe a debuxar copiando gravados de Anders Zorn, pois crera detectar en Frida dotes artísticas. Á parte desta experiencia, Frida non mostrara anteriormente ningún interese especial pola pintura, e tampouco pola materia de artes plásticas na escola. A batalla contra as secuelas da poliomielite facíana inclinarse máis ben polos deportes, xa que o exercicio físico aumentaba as súas posibilidades de recuperación. Tras o accidente, en cambio, trataba de moverse o mínimo para axudar á sanación. A pintura, entón, comeza a ocupar un lugar central na súa vida. De feito, durante a convalecencia comezou a pintar con máis frecuencia. En setembro de 1926 pintou o seu primeiro autorretrato ao óleo, que dedicou a Alejandro Gómez Arias. Nesta primeira obra emprendeu unha dinámica que continuaría o resto da súa existencia: reflectir nos seus cadros os sucesos da súa vida e os sentimentos que lle producían.
En 1927, a súa pintura volveuse máis complexa. Ese mesmo ano pintou o Retrato de Miguel N. Lira, un óleo sobre lenzo de 99,2 X 67,5 cm que mostra o seu compañeiro cachucha nun fondo moi particular, cheo de obxectos e símbolos que aluden ao seu nome. Apenas un ano máis tarde realizou o retrato da súa irmá Cristina, cunhas liñas moi puras e uns tons moi suaves.
Por esta época, Frida xa comezaba a frecuentar ambientes políticos, artísticos e intelectuais. A través de Germán de Campo, un dirixente estudantil moi admirado por Frida, coñeceu ao comunista cubano Julio Antonio Mella, exiliado en México coa súa parella, a fotógrafa Tina Modotti. Frida e Tina estabeleceron rapidamente amizade, e esta última empezou a levala ás reunións do Partido Comunista Mexicano. Xa formaban parte desta organización varios dos seus amigos cachuchas, e Frida tamén acabou por se incorporar formalmente.
Frida coñeceu a Diego Rivera a través de Tina Modotti. En 1922 xa tivera ocasión de observalo durante a realización do seu primeiro mural no Anfiteatro "Simón Bolívar" da Escola Nacional Preparatoria. En 1928 volvera coincidir con el en veladas e reunións ás que asistía con Tina Modotti, mais sen falaren. Un día visitouno de improviso, mentres este traballaba nuns murais para o edificio da Secretaría de Educación Pública, coa idea de mostrarlle os seus traballos. Diego, impresionado coa súa obra, animouna a seguir pintando. Desde entón foi constante convidado á casa dos Kahlo.
Contraeron matrimonio o 21 de agosto de 1929. A súa relación, amais do vínculo sentimental e artístico, incluíu relacións extramatrimoniais. Divorciáronse en 1939, mais volveron casar un ano despois.
Hai quen describiron o matrimonio como "a unión entre un elefante e unha pomba", pois Diego era enorme e obeso mentres que ela era pequena e delgada. Frida, por mor das súas lesións, nunca puido ter descendencia, cousa que tardou moitos anos en aceptar. De feito, en 1930, Frida quedou embarazada por primeira vez, mais debido á posición anómala do feto e ás secuelas do accidente de 1925, o embarazo tivo que ser interrompido no terceiro mes, segundo decidiu o médico Jesús Marín.
Malia as aventuras de Diego con outras mulleres, entre elas coa irmá de Frida, Cristina), así como as infidelidades de Frida, a parella lograba complementarse en moitos aspectos.
Os traxes tradicionais mexicanos, consistentes en longos vestidos de cores, e a xoiería exótica, convertéronse, xunto ao seu aspecto teimudo, na súa imaxe emblemática. Diego amaba a súa pintura e foi o seu maior admirador; Frida, pola súa banda, foi a maior crítica de Diego.
Despois de pasar uns anos nos EEUU, Frida e Diego volveron a México en 1933. Amais doutras infidelidades anteriores, Rivera tivo un romance con Cristina, a irmá máis nova de Frida. Esta aventura afectou moito a Frida e supuxo un xiro determinante nas súas relacións de parella. Malia superaren as súas desavinzas, Frida iniciou relacións sentimentais tanto con homes como con mulleres durante o resto da súa vida. Rivera tivo fortes celos das relacións extramatrimoniais dela con outros homes, mais toleraba máis as relacións lésbicas de Frida.
Tanto os críticos da obra de Frida Kahlo como os seus biógrafos coinciden en sinalar que calquera intento de separar a vida persoal da súa obra resulta case imposible ao analizar a temática, a simboloxía e ata a técnica da obra da artista. Trátase de traballos de rumbo moi persoal e autobiográficos: Frida é suxeito e obxecto da súa pintura.
Difícil de clasificar univocamente nunha escola, a súa obra caracterízase por unha síntese de elementos expresionistas e surrealistas cunha temática popular.
A obra de Frida Khalo está profundamente influída pola súa experiencia vital, que se reflicte nas súas diversas etapas, o sufrimento das enfermidades, o accidente e as operacións e os diferentes abortos que sufriu causados polos danos do accidente. O seu inicio no mundo da pintura prodúcese pouco despois do accidente que a deixou prostrada na cama, é o seu período máis realista con algúns influxos da arte europea. Máis tarde, a obra de Diego Rivera vai facer que adopte un estilo máis sinxelo con cores máis brillantes e un certo relectindo o legado e inocencia das artes indíxenas, con certo toque naïf, representando ás súas obras as narracións da súa propia vida coa inclusión de símbolos e a exuberancia das flores, froitos e animais do país no espazo pictórico sen perspectiva, chegando pouco a pouco a un estilo relacionado co surrealismo, sen deixar nunca o realismo. Nos derradeiros anos da vida da artista a súa obra pasa a se converter nunha pintura con conceptos políticos. A súa arte convértese nun desafío constante contra a ideoloxía dominante. Sen dúbida a súa obra é a visión de si mesma, ela é o suxeito que pinta e o suxeito pintado e expresa todo o que sente, e así todo está reflectido nos seus numerosos autorretratos, tema recorrente no seu traballo. A representación da súa propia dor é unha forma de fuxir e liberarse deses sentimentos. A súa pintura contén, e influída pola riqueza do seu simbolismo. A sensibilidade extrema da súa natureza repítese ao longo da súa obra, mentres que resignada pintaba as situacións de máis dor, tamén con resistencia expresa o seu valor en obras como Árbore da esperanza mantente firme.