muller DE CAMIÑO 

cARLOS MASIDE

Pilar Seoane Sánchez

MULLER DE CAMIÑO

(CARLOS MASIDE)


Nos anos trinta -Muller de camiño, 1934- Maside pensaba que toda a enerxía do tempo presente debía xerar unha pintura nova. Unha das súas maiores aspiracións era a de pintar grandes escenas para os edificios públicos que representasen os traballos colectivos, as festas, os ritos, os costumes da cultura propia, entón maioritariamente agraria e campesiña, polo que certas obras deste momento poderían ser proxectos de mural.

Muller de camiño (1934) é o retrato dunha campesiña tocada cun pano que anuda ao pescozo. É unha obra realista na face curtida, na expresión concentrada, na tez marcada polo esforzo. Maside determina nesta as condicións que cumpre a realidade para ser realidade. Pero paralelamente establece as categorías pictóricas: forma, luz, peso, calidade, integridade, unidade que deben estar presentes no cadro, e cada categoría da realidade introduce un problema na realización pictórica. Muller de camiño é unha obra realista e moito máis. O feixe de luz que envolve desde o fondo a muller, as vivas cores, a utilización do vermellón e os dourados, cromatismo reservado na tradición artesá ás figuras de reis e santos, simbolismo de perfección, son apropiados por Maside como signo aparencial que faga resaltar nos perfís campesiños, o carácter sacral dos valores xenuínos que os redutos populares conservaron ao longo do tempo.

Muller de camiño expúxose por primeira vez en 1938, en Vigo, no Salón do Faro de Vigo, exposición que foi clausurada logo de a inaugurar pola autoridade competente. Constaba de doce óleos, catro gouaches, dez estampas campesiñas, tres estampas mariñeiras, unha estampa da cidade e tres gravados. En 1966 Muller de camiño foi seleccionada con outras noventa e cinco obras de Maside para a exposición Homenaxe a Carlos Maside que percorreu as capitais galegas entre 1966 e 1967. Rafael Dieste deu o nome Muller de camiño a esta obra para a citada exposición.

O pintor Carlos Maside


Museo Carlos Maside en Sada


Imaxe do Museo Carlos Maside