Convivencias entre escolas

Para este curso 23-24 propuxémonos facer, por escolas que teñen o mesmo centro adscrito, mínimo unha saída trimestral á contorna. Deixámosvos a continuación algunhas fotografías deses días.

Xuntanza Cances-Xoane

Como xa sabedes, no noso CRA somos sete escolas, que se di pronto! Para coñecernos mellor entre nós e traballar xuntos, ás veces xuntámonos nalgunha escola para compartir o día e as actividades que facemos.

Este día tocoulle ás escolas de Cances e Xoane, que se reuniron en Cances. Foi un día de novidades, posto que o alumnado que empezou novo este curso aínda non tivera a oportunidade de acoller a novos compañeiros na súa escola. A pesar de que a chuvia nos acompañou ao longo de case toda a mañá, fixemos unha saída á contorna da escola, posto que temos roupa de auga. Como di un refrán Noruego "Non hai mal tempo, senón roupa inadecuada.

Na saída aproveitamos a observar setas e a recoller algún exemplar, xa que tivemos a gran sorte de que nos acompañase A. un experto neste mundo da micoloxía. De volta na escola poidemos ver de preto algunha seta que nos trouxo duns lugares que coñece (segredo ben gardado dos busacadores de setas) e escoitar as súas explicacións. Quedáronnos claras algunhas cousas: nunca debemos collelas se non vamos con alguén que controle moito do tema (hai moitas tóxicas), debemos levar un cestiño de mimbre para que caian as esporas ao chan, debemos deixarlle o pé na terra e sempre debemos deixar algún exemplar sin recoller.

Foi un gran día no que gozamos moito xuntos, agardamos a próxima xuntanza con ansias, pero desta vez, na escola de Xoane.

Xuntanza Rega-Mirón

As escolas de Rega e Mirón xuntáronse para pasar un día de convivencia. O soliño permitiunos merendar fóra e aproveitar o patio tan bonito que temos na escola de Rega. Elaboramos o noso propio bote do outono con arroz tinguido e experimentamos con: castañas, millo e piñas.

Ata a próxima amigas e amigos!

Xuntanza Xoane-Cances

Desta vez foi a quenda do alumnado de Cances os que visitaron a escola de Xoane e os seus arredores. Aproveitando a tregua que nos deu a chuvia despois dun mes pasado por auga, puidemos gozar dun día soleado que nos permitiu ir a dar un paseo máis longo que a primeira vez que nos xuntamos.

Coñecemos a contorna de Xoane e exercitamos o "músculo" da observación, non se nos escapaban nin os cogomelos máis pequenos nin as árbores que nos arrodeaban.

Pero na natureza, ás veces, tamén podemos atopar rastros moi desagradables que son obra do ser humano. Atopamos varios lugares a modo de vertedoiros de basura, un con azulejos e outro cunha lavadora. Isto serviunos para reflexionar sobre o tema e para repasar onde se tiran este tipo de residuos.

Moitas gracias á escola de Cances e ás súas familias por achegarvos, sempre é agradable ver outras facianas amigas.

Xuntanza Mirón-Rega

As escolas de Rega e Mirón volvéronse xuntar para dar un paseo e coñecer a contorna de Rega. Fixemos un lote de cousas e acabamos o día cansos de tanto camiñar, pero nunca tanto como para non querer repetir.

Xuntanza Artes-Verdillo

As escolas de Verdillo e Artes volvémonos xuntar para compartir tempo xuntos e seguir a descubrir a marabillosa contorna que temos nas escolas. Compartir o tempo de merenda e xogo fai que creemos lazos fortes entre nós e teñamos gañas de repetir estas convivencias.