As nosas hortas

A horta do CRA

Ao igual que o noso cole, as nosas hortas atópanse repartidas polas parroquias de Carballo. Contamos con sete hortas, unha por escola. Algunha non a temos dentro do propio cole, senón que son os veciños e veciñas as que nos deixan un cachiño da súa para nós (que sorte temos con vós!). Póñense a funcionar case sempre a comezos de ano ou na primavera, pero hai escolas que se atreven ata coas plantas de outono e inverno, segue léndonos para ver algunha delas ou vennos visitar. Nesta páxina atoparás algunha fotografía sobre o tema e se a colleita é boa, poderás adquirir algún dos nosos produtos ecolóxicos na Pequefeira que se celebrará no mes de maio na praza do Concello de Carballo. Compartirémosvos a data oficial cando se achegue o día.

No outono tamén se planta

Na escola de Cances preparamos o noso horto para este outono, a ver que sae de aí. Plantar para a tempada de frío non é doado, menos mal que contamos co sabio consello das familias e algunha avoa se achega a botarnos unha man...

Coñecemos o millo

No mes de novembro, na Escola de Artes, tivemos a sorte de ter unha clase sobre o millo. Unha familia invitounos ao seu terreo a apañar un pouco millo. Logo disto, fomos á escola, coñecemos cada unha das partes e colgámolo baixo tellado para poñer a secar. Rematamos a xornada agotados de tanto movernos, pero foi un gran día.

Horto de primavera

Agora que xa estamos na primavera, na horta de Xoane puxémonos mans á obra co horto, tiñamos unhas herbas altísimas que houbo que virar. O ano pasado creciunos moitísimo a herba polo medio da colleita, polo que este ano decidimos reutilizar un cartón de grandes dimensións que estaba para tirar e utilizalo a modo de "plastico de horta" para que non crecese nada máis que o que nos interesaba a nós. Veremos se nos funciona esta idea.

Donación de ceboliñas

Na escola de Xoane xa tiñamos a nosa plantación de primavera posta no mes de abril, pero unha familia aportounos ceboliñas para plantar, polo que lle tivemos que facer un oco. Temos que dicir que a idea do cartón dou bo resultado, para o ano seguiremos con ela.

Abonamos

Aproveitamos para plantar patacas e aprender un pouco sobre abonar o terreo e coñecer con que se fai. Non ulía moi ben, pero din que axuda a medrar as patacas, veremos se o conseguimos.

Poñemos nomes

Na Escola de Rega estivemos a plantar e tamén lle puxemos os nomes ás diferentes verduras e hortalizas que puxemos, esperemos que medren moito.

Tomates das familias

Na Escola de Xoane, agasalláronnos con cinco plantas de tomate para plantar na nosa horta. Xa teñen o seu lugar, agora só queda agardar a que dean o seu froito.