Na escola de Rega coñecemos algún alimento propio deste tempo de outono: millo, cabazas, grandas ou cítricos. Aproveitamos tamén as laranxas para facer zume e a granda para observar como é por dentro e probar o seu sabor.
Ademais de disfraces e falar da tradición celta da festa, tamén tivemos tempo de preparar merendas terroríficas para compartir entre todas e todos. Celebrar estas datas con doces é o habitual e pode estar ben, pero celebralo con froita terrorífica preparada coas nosas mans aínda está mellor. Estas merendas estaban DE MEDO!
Tamén aproveitamos para ler contos sobre esta época como o noso samaín ou corre, corre cabaciña.
Na escola de rega aproveitamos un anaquiño da mañá para coñecer distintos alimentos: limón, chocolate, caramelo masticable, galletas salgadas. Cos ollos pechados, tocamos, ulimos e probamos a comida intentando adiviñar de que alimento se trataba.
No mes de marzo tocou unha merendola na Escola de Xoane. Nela puidemos comer alimentos como: uvas, mandarinas, guacamole e humus, todo isto acompañado por pan de Carballo, comida tradicional e famosa nesta vila.
Descubrir que o hummus estaba feito de garavanzos sorprendeunos bastante, o guacamole xa nos soaba algo máis.
Ainda que tiñamos planificado poder facer xuntanza de todas as escolas do CRA, non puido ser, a chuvia non nos deu tregua e non ía deixarnos facer as actividades que tiñamos previstas. Aínda así, trouxéronnos a froita protagonista deste día: a castaña! Unha chea delas, por certo. Canto nos souberon e canto tiveron que traballar as nosas mans para abrilas... Tamén aproveitamos a coñecer algún xogo tradicional xunto ás castañas.
Estamos desexando poder celebrar esta festa, como é tradición, todos xuntos para o curso que vén.
A escola de Artes visitou, no mes de abril, o mercado de abastos de Carballo e a emblemática tenda de Chocolates Mariño fundada en 1927.
No mercado coñecemos diferentes postos segundo a procedencia dos alimentos: froitería, carnicería, peixería, panadaría... e aproveitamos para que as tendeiras e tendeiros nos contasen máis sobre os produtos que vendían e sobre o seu traballo.
Na fábrica de chocolate explicáronnos a elaboración destes manxares e mercamos algunha que outra tableta para degustalos máis tarde.
Gustounos moito aproveitar a mañá para camiñar polo centro de Carballo e achegarnos tamén a conocer o Concello, a Policía Local, a Policía Nacional e, como non, xogar no parque da praza.
Anotamos esta saída para que a fagamos todas as escolas o curso que vén, encantounos!
En maio, na escola de Sísamo participamos nunha actividade con abellas. Explicáronnos a importancia das abellas, os coidados que necesitan as colmeas, a anatomía das abellas, como fan o mel, os tres tipos de abellas que hay e a función que ten cada unha delas dentro da colmea.
Tamén houbo tempo de probar o mel cun pauciño e de observar o polen de cerca. Que actividade tan motivadora, temos gañas de seguir aprendendo sobre estes pequenos animais tan importantes na biodiversidade do nos planeta!
Na escola de Xoane. Contamos con microscopio en todas
Gracias ao programa de Polos Creativos o noso cole aproveitou para mercar microscopios electrónicos cos que puidemos observar ben de cerca todo canto atopamos ao noso paso. Desde plantas que nos achegan as familias para a nosa horta, a froita das merendas ou mesmo a pintura das paredes, todo nos parece impresionantes desde este punto de vista. Puidemos ver ata os pelos do melocotón!
Din que non hai nada máis de Carballo que o pan e a feira, así que non podiamos ser menos. Chegou o día, co curso case rematado, as hortas deron a súa produción de primavera e o alumnado xa ten ganas de poñer todo a vender. As nenas e nenos de infantil e primaria levan semanas preparando con moito agarimo macetas, bolsas, elementos decorativos... polo que esperamos que vos gustase moito todo o que elaboramos.
O alumnado de primaria foi o encargado de poñerse no papel de tendeiras e tendeiros, tendo a oportunidade de poder aplicar todo o traballado nas aulas (expresión oral, manexo de cartos, operacións matemáticas, traballo en equipo...) e afrontar o reto con motivación e responsabilidade.
Este ano contamos cunha gran carpa colocada polo Concello que nos permitiu resgardarnos do sol e montar o noso posto de ventas. Esperamos que as familias que mercaron leitugas, acelgas ou espinacas nos conten como de ricas estaban e se cumpriron as expectativas que tiñan os pequenos respecto a estes alimentos.
Agradecer a todos os visitantes que nos viñeron mercar e tamén aos que viñeron mirar, pola vosa compañía.
Dentro do plan proxecta Donas de si, o alumnado de Educación Primaria participou nun contacontos pola igualdade ofrecido pola Secretaría Xeral da Igualdade para visibilizar a figura de Ángeles Alvariño. Esta actividade consistiu na narración da súa biografía á vez que unha ilustradora plasmaba o retrato desta muller importante na ciencia en Galicia. Aproveitamos este día tamén para facer coincidir esta actividade con outra organizada polo Concello na que participaron distintas asociacións como: ASPABER, AFABER ou ÍNTEGRO. As persoas usuarias destas asociacións, xunto coas alumnas e mestras do obradoiro de emprego de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais participaron tamén da actividade. Xogamos a distintas actividades cos usuarios das asociacións e compartimos unha merenda elaborada polo taller de hostelería e cociña.