8M

8M. Día internacional da muller

A pegada das mulleres está en todas partes, pero necesitamos aprender a miralas e visibilizalas. Algunhas desas pegadas están nos murais das rúas de Carballo, outras están na propia vestimenta das nosas nais e avoas (reflexionamos e dignificamos prendas como mandilón), analizamos tamén a nosa presenza na prensa, observamos o traballo artesá das cesteiras... E seguimos tecendo un camiño para lembrar que o 8 de marzo non é un día, é toda unha vida.

     Derrubando muros polo 8M

Para a conmemoración deste curso polo 8 de marzo, Día da muller, decidimos homenaxear e abordar a figura das mulleres grafiteiras que participaron nos murais da vila de Carballo. Para iso escollemos algunhas das súas pinturas e falamos co alumnado sobre se coñecían todas as pinturas, se sabían quen as fixera ou animar ás familias a que camiñasen polas rúas e tentasen localizar todas as que viramos con anterioridade na aula.

Foi moi divertido, posto que moitos dos nenos e nenas coñecían a meirande parte delas, pero non se imaxinaban quen podía estar detrás destas belas obras de arte.

     A prensa

Na escola de Artes aproveitamos que a semana da prensa se celebraba este ano do 4 ao 8 de marzo para buscar e analizar como se trataba o 8M na prensa. Puidemos ver varios diarios e ler distintas noticias nas que se falaba de fútbol feminino ou na que lle facían unha entrevista a unha condutora de autobús que afirmaba que non o tivera nada sinxelo para chegr a onde estaba.

     Dignificación do mandil

Na escola de Mirón quixemos dignificar unha prenda pouco valorada, pero frecuente na nosa vida ou memoria: o mandil. Falamos sobre que moitas avoas ou nais aínda o usan e dos distintos usos que tiñan: gardar os ovos do galiñeiro cando se collen, para non queimarse coa tixola quente (antes non había luvas), para agocharse baixo del cando nos visitaba alguén descoñecido na casa, pala limpar bágoas, recoller as verzas...

     Taller de cestería

Na escola de Sísamo programamos un taller de cestería para observar en que consistía este traballo de antigo que se está a perder. Falamos de que era un traballo desenvolto maiormente por homes antigamente e da necesidade de poñer en valor este tipo de oficios.