Froiteando

Froita 365 días ao ano

Na escola de Artes empezamos o curso cunha proposta de froita todos os días. Nun lugar da nosa aula temos sempre un froiteiro ao que pode acudir ao alumnado, na hora da merenda, para coller aquela froita que lle apetece.

Desta forma ofrecémoslles a oportunidade de que sempre poidan introducir este alimento na súa dieta diaria.

Familias que comparten

Na escola rural temos a sorte de contar con hortos cerca e con familias que teñen árbores froiteiras. Na Escola de Rega aportáronnos unha caixa de mazás de proximidade.

Plantamos árbores do Concello

O 21 de marzo foi o Día Mundial Forestal e para celebralo o Concello de Carballo achegounos unha árbore froiteira a cada unha das escolas do CRA para plantar nos nosos patios.

Ademais do feito de poder poñer unha árbore máis nas zonas verdes, foi moi gratificante ver ao alumnado tan implicado á hora de saber como o tiñan que facer. Para iso lemos as instrucións que traía cada árbore de como plantalo, escollemos un lugar axeitado e puxémonos mans á obra. Algunhas das árbores que plantaron foron maceiras ou cerdeiras.

Aprendemos sobre as froitas

Para poder probar a comida primeiro necesitamos coñecela, neste caso tocoulle a quenda ás froitas. Na escola de Xoane traballamos con tarxetas de froitas para falar dos nosos gustos, dos seus nomes, de si as coñeciamos de antes ou se as temos plantadas nos xardíns das nosas casas. Foi moi interesante observar as conversas que nacen a partir dunhas simples fotografías e como uns e outros se animaban entre eles a querer probalas.

Familias, non deixedes pasar a oportunidade de ofrecerlles froita, pois moitas veces non a piden pero si que lles apetece.

Inventarios ilustrados

En todas as escolas do CRA contamos cos inventarios ilustrados de Kalandraka.

Na escola de Xoane dámoslle moitísimos usos, desde a lectura compartida no tempo de ler, xogar ás adiviñanzas lendo a descrición da verdura ou froita sen decir o nome e tentar adiviñalo ou mesmo utilizalo de modelo para facer o noso propio inventario ilustrado. O feito de poder coñecer información sobre plantas diferentes tamén nos anima a querer probar e coñecelas de primeira man.


Semana da froita

Tal e como levamos facendo xa uns anos, este ano volvemos a repetir: a semana da froita!

No mes de maio e durante unha semana, en todas as nosas escolas o profesorado encárgase de mercar froita para todas as nenas e os nenos. Houbo de todos os resultados: aqueles que devoraron todo, as que probaban con gañas de recoñecer os sabores, os que se atreveron pero con algo de medo e tamén a quen lle custou achegarse aos alimentos.

Tamén nos contaron as mestras que para saber se un alimento nos gusta, ou non nos gusta, hai que probalo polo menos unhas 30 veces! (e non vale 30 bocados, que nos coñecemos).

Observamos que esta actividade adoita ter unha boa acollida por parte do alumnado e incluso aquel que na casa non é moito de probar a froita, neste contexto si que se aventura a facelo.

Degustación de alimentos

Esta semana celebramos a semana da froita e, na escola de Xoane, preparamos un carné visual con todas as froitas que probamos ao longo dos días. Nun principio ía ser para marcar as froitas que fomos quen de comer, pero visto o bo resultado e que as comemos todas, os nenos e nenas decidiron marcar ao carón de cada alimento: se lles gustaba, se non lles gustaba ou se lles sabía máis ou menos ben.

Tamén preguntaron cando repetiamos algunhas das súas froitas favoritas e aseguraron que ían pedir, nas súas casas, ir ao supermercado para mercalas.

Degustación de froita

Na escola de Xoane atrevémonos a probar catro tipos de froita cos ollos pechados (nectarina, pera, sandía e pomelo). Ao comezo dábanos un pouco de medo o que nos puidese tocar, e mesmo levantamos o anteface ás veces, pero logo do primeiro bocado xa non había que nos parase. Probámolo todo, e aínda que houbo diversos gustos e o pomelo non conseguiu demasiados seguidores, houbo quen ata quixo repetir.