Coidámonos cos cinco sentidos

Donas de si

Este programa consiste en desenvolver un proxecto relacionado coa visibilización e empoderamento das mulleres como pezas fundamentais do desenvolvemento da sociedade galega e como punto de partida para traballar na aula a igualdade e os estereotipos de xénero. Nesta páxina atoparedes actividades relacionadas co proxecto e uns subapartados por temáticas.

O xogo, os xoguetes e a publicidade

Agora que nos estamos achegando a unha época do ano na que os agasallos adoitan estar presentes nas nosas casas, temos a labor de reflexionar sobre eles.

Como familias e profesionais temos unha labor moi importante de cara á infancia e é ofrecerlles crecer libres de estereotipos sexistas. O mundo non vai cambiar dun día para outro pero sempre podemos plantar sementes de cambio, polo que empecemos polos xoguetes que lle ofrecemos á infancia.

Deixámosvos a continuación un vídeo e un enlace con información para reflexionar sobre o tema, agardamos que vos sexa útil e que nos mova a cambiar as cousas.

Tamén temos a guía "Libertad para jugar. Guía para la elección de juguetes sin estereotipos sexistas." en formato dixital na nosa biblioteca, polo que non dubidedes en solicitalo se vos apetece botarlle un ollo.

A cidade dos coidados

A cidade dos coidados nace na escola de Cances, logo de reflexionar sobre o PDI que estamos a realizar este curso 24-25 no CRA. Froito disto, elaboramos unha cidade ideal pensada polo alumnado da escola na que se van engadindo aqueles elementos que caracterizan unha contorna como esta, na que hai espazo para toda a xente e na que o benestar para todas a todos é o factor principal.

Día da paz

O 31 de xaneiro celebramos o Día da Paz e para iso fixemos unha actividade chamada “Palabras para quentar o corazón” na que tivemos que escribir unha palabra reconfortante para despois metela nun bote (algunhas palabras foron: bico, agarimo, amor, amigos...) . Estes botes de palabras repartíronse en distintos lugares da vila de Carballo coa misión de que as persoas que quixesen, collesen unha palabra para si e mesmo a podían compartir con nós a través das redes sociais. Tiveron moitísimo éxito e mesmo nos contactaron desde algún comercio por se poderiamos repetir a actividade, polo que xa andamos a argallar que faremos o curso que vén!

Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia 

O día 11 de febreiro celebrouse o Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia. En todas as escolas aproveitamos para falar dunha muller recoñecida na ciencia aproveitando a bibliografía que fumos adquirindo sobre a temática estes últimos anos.

Na escola de Mirón decidiron culminar a lectura do libro "Ada, Magnífica científica" cunha exposición de obxectos antigos: un portátil, máquina de escribir, cámaras de fotos e teléfonos.

Día de Rosalía

O 23 de febreiro conmemorouse a figura da escritora Rosalía de Castro, e para poder compartilo coa comunidade educativa, propúxose desde o equipo de Dinamización da Lingua Galega, unha actividade que consistía en decorar e entregar poemas, desta autora, á veciñanza das escolas para poder lembrar a súa figura como unha das máis importantes da nosa lingua. Aproveitamos a actividade para pasear polas rúas das nosas parroquias, conocer a paisaxe, falar coas veciñas e mover o corpo.

Agardamos que algún deses poemas chegase ás vosas casas, non dubidedes de mandarnos fotos cando vos cheguen!

Letras Galegas

Este ano adícaselle o día das Letras Galegas a Luísa Villalta, escritora, docente e música, polo que para celebrar a data fixemos un breve percorrido pola vida desta figura. Ademais disto, tamén houbo tempo a reflexionar sobre o feito de que Villalta é a sexta muller homenaxeada desde o ano 1963 que se empezou a celebrar esta data tan sinalada. Os debates co alumnado foron moi ricos e aflorou a sensación de inxustiza e a necesidade de que as mulleres conten co mesmo recoñecemento que seus compañeiros escritores.

LETRAS GALEGAS 2024.pdf