Mary M. Talbot (Wigan, Inglaterra, 1954) é unha autora e académica británica de prestixio internacional. Entre as súas obras de ficción destaca a novela gráfica Dotter of Her Father's Eyes. No ámbito da academia, escribiu numerosos artigos sobre poder, xénero e linguaxe, relacionados cos medios de comunicación e a cultura de consumo.
A súa segunda novela gráfica, Sally Heathcote: Suffragette, conta a historia dunha empregada doméstica inmersa na loita feminista da Inglaterra eduardiana de principios do século XX. Esta obra, publicada en 2014, con ilustracións de Kate Charlesworth e Bryan Talbot, foi incluída nun das listaxes "top 10" de libros sobre personaxes revolucionarios do xornal The Guardian.
Sally Heathcote é unha traballadora doméstica ao servizo de Emmeline Pankhurst, unha das fundadoras do movemento. A proximidade desa contorna comprometida e militante irá concienciando a moza para a causa sufraxista, que reclama o dereito ao voto para as mulleres.
A desobediencia civil, a estratexia política, a aprendizaxe da acción directa e a reivindicación a pé da rúa van ditar a traxectoria feminista de Sally, que non dubidará en enfocar a súa vida como unha carreira de obstáculos, pero tamén de grandes logros para as xeracións futuras.
O vocábulo “sufragista” (sufragette no orixinal) foi acuñado polo diario Daily Express (10 de marzo de 1906) para referirse despectivamente ás peticionarias do voto feminino. Moitas organizacións, como a National Women’s Social and Political Union (WSPU), fundada en 1903, acabaron abrazando o termo como propio.
Esta novela gráfica é formalmente impecable. As ilustracións, fermosísimas, levan a historia polo aire, sen desmaio, evocando a cada paso a sociedade coercitiva de principios do século XX e que tanto se parece ao clasismo neoliberal que nos circunda no século XXI. Variados tons de grises onde, de súbito, refulxe o cabelo cenoura zanahoria de Sally, ocasionalmente algún símbolo (unha bandeira, unha chapa, un vestido) adornados co verde ou o púrpura. A exactitude dos xestos, a narración de miradas, linguaxe corporal e accións callan á perfección. É difícil atopar unha banda deseñada tan ben debuxada coma esta e, ao mesmo tempo, tan discreta, sen alardes nin espectacularidade gratuíta.
O imaxinativo e minimalista uso da cor destaca elementos concretos, como a presenza de Sally, anunciada pola súa cabeleira de lume (idea de Bryan Talbot), ou a da Señora Pankhurst, cos seus traxes violetas (idea de Kate Charlesworth), e reforza situacións e estados de ánimo, como o amarelo da lanterna durante o atentado contra a casa en construción do político Floyd George nunhas páxinas da BD.
Argumentalmente é cativadora. Atrapa a loita pola igualdade de dereitos entre homes e mulleres (singularmente concentrado no sufraxio feminino, pero non só) destas damas valentes e decididas vistas polos ollos de Sally, cada vez máis comprometida co movemento. O texto denso, pero ben documentado (os personaxes reais están fidedignamente representados, así como os distintos accesorios e localizacións), lese con avidez e asombro, pois nunca perde de vista a humanidade dos personaxes nin os recursos propios da historieta.
Mary M. Talbot e Bryan Talbot.