Isabel Martínez-Risco, máis coñecida como creadora dos espectáculos teatrais de Nabiza Girl, leva décadas sobre os escenarios do país como gran liberadora da nosa cultura. Fíxoo tamén nas viñetas dun cómic, o espazo ideal para contar as aventuras dunha heroína como Nabiza Girl.
A parodia á galega dos superheroes do mundo clásico do cómic, histriónica e delirante na súa loita contra o mal e os marcos movidos de sitio volve á súa orixe, as páxinas da banda deseñada. Nabiza Girl é unha superheroína rural galega con denominación de orixe protexida e poderes que proveñen do sulfato!
O cómic Operación Breogán, ten como protagonista a este personaxe creado pola actriz Isabel Risco, acompañada co responsable de pasar a papel e tinta Nabiza Girl, o premiado debuxante Manel Cráneo, xunto co guionista, o tamén coruñés Carlos Ares, gran coñecido no audiovisual galego.
O cómic é 100% coruño, con escenarios recreados con oficio: o Obelisco dos Cantóns, o Castro de Elviña, a Torre de Hércules a Dársena da Mariña e, ademais do propio Bar Sanín tamén sae O Fiúza de Monte Alto. Escenarios percorridos por personaxes recoñocidas e recoñecibles como os mariñeiros Xosé Iglesias, Manolo Presas, Xulio Montero e o finado Serafín Mourelle, ao que se lle fixo unha merecida lembranza.