Persépole é a historia autobiográfica da iraniana Marjane Satrapi, a historia de como creceu nun réxime fundamentalista islámico que acabaría por levala a abandonar o seu país. O cómic comeza en 1979, cando Marjane ten dez anos e desde a súa infancia asiste a un cambio social e político que pon fin a máis de cincuenta anos de reinado do Sha de Persia en Irán e dá paso a unha república islámica. A medida que vai medrando, Marjane decátase de que o novo réxime polo que loitaron os seus pais caeu en mans dos fundamentalistas e que non trae nada bo. A novela gráfica, en branco e negro, tamén narra a súa difícil entrada na vida adulta en Europa.
Marjane Satrapi é unha das artistas iranís máis aclamadas e galardonadas e ofrécenos este relato autobiográfico sobre a súa infancia en Irán. Cargado de emotividade, crítica e ironía, Persépole é xa unha obra de referencia e un cómic de culto.