Rosie the Riveter (en galego Rosie, a Remachadora) é unha icona cultural de Estados Unidos que representa as mulleres dese país que traballaban en fábricas durante a Segunda Guerra Mundial, moitas delas producindo municións e subministracións bélicas. Ás veces, estas mulleres aceptaban empregos totalmente novos, substituíndo os homes que estaban a combater na guerra.
O concepto de «Rosie the Riveter» apareceu por primeira vez en 1942 na canción homónima escrita por Redd Evans e John Jacob Loeb. A peza foi gravada por varios artistas, incluíndo ao líder de banda Kay Kyser, converténdose nun éxito a nivel nacional. A canción describía a «Rosie» como unha incansable traballadora que facía o seu para axudar no esforzo estadounidense durante a guerra, sendo a misión da peza precisamente animar as mulleres a contribuír traballando nas fábricas de armamento e subministracións.
As «Rosies» reais encargáronse dos labores dominados polos homes até a Segunda Guerra Mundial, e a pesar da vontade dalgunhas de continuar exercendo un oficio remunerado e os traballos en que se formaron/especializado durante ese tempo, cando os homes volveron do combate obrigounas a ceder os seus postos aos soldados desmobilizados e relegounas de novo ao rol tradicional de ama de casa ou foron orientadas cara a traballos non especializados.
De acordo a Penny Colman, autora do libro Rosie the Riveter: Women Working on the Home Front in World War II, houbo outras iconas culturais similares a Rosie, como Wendy the Welder ('Wendy, a Soldadora'), baseada en Janet Doyle, unha traballadora do estaleiro Kaiser en Richmond, California, e Julie the Janitor (Julie, a Conserxe), unha traballadora da Eastern Illinois University.
Nos anos 1960, a actriz de Hollywood Jane Withers fíxose coñecida como Josephine the Plumber (Josephine, a Fontaneira), un personaxe que interpretou nos populares comerciais do po de limpeza Comet, os cales foron exhibidos até os anos 70. Este personaxe baseábase na Rosie orixinal, polo que representa o esforzo das mulleres por desempeñarse en traballos tradicionalmente masculinos.
Máis recentemente, as referencias culturais a Rosie veñen de diferentes expresións. Por exemplo, no videoxogo BioShock hai un personaxe chamado «Rosie» que está armado cunha pistola de remaches. De maneira similar, nunha historieta de DC Cómics, o personaxe de «Rosie» tamén usa unha pistola de remaches como arma. No videoxogo Fallout hai valos publicitarios que mostran a Rosies ensamblando bombas mentres beben Nuka-Cola. No ámbito musical, cantantes como Christina Aguilera e Pink rememoraron a Rosie nos seus vídeos «Candyman» e «Raise Your Glass», respectivamente. A actriz Alexis Bledel tamén posou como Rosie nunha sesión fotográfica de iconas estadounidenses para a revista Glamour no ano 2009. No 2011, a figura televisiva e empresaria Kris Jenner protagonizou a campaña publicitaria Great Women in History para a marca Poise, a cal produce toallas hixiénicas para mulleres con incontinencia urinaria. No 2012, durante o The MDNA Tour, xira da cantante estadounidense Madonna, Rosie apareceu nas pantallas durante a interpretación de «Express Yourself».