Isabel Zendal Gómez foi unha muller galega, natural da vila de Santa Mariña de Parada (Ordes). Medrou nun ambiente con grandes carencias e cando tiña 13 anos a súa nai faleceu a causa da varíola, polo que tivo que marchar á Coruña a servir. Con 20 anos converteuse en Reitora da Inclusa da Coruña , que fora fundada por outra gran galega Teresa Herrera.
Participou na “Real Expedición Filantrópica da Vacina”, encabezada polo médico alicantino Francisco Javier Balmis, para estender a vacina da varíola a todo o mundo coñecido de maneira altruísta e para erradicar, ou cando menos minimizar o máximo posible, os efectos dun virus letal que xa levara consigo millóns de vidas en todo o planeta.
Así, cando o 30 de novembro de 1803, a corveta María Pita saía da Coruña, só unha muller ía entre a súa tripulación. A súa misión, coidar e protexer os vinte dous nenos da Casa de Expósitos da Coruña que viaxaron a América, con idades de entre os tres e os nove anos, e entre os que estaba incluído o seu propio fillo.
Durante a travesía, foron inoculando a vacina sucesivamente no brazo dun neno diferente cada quince días. Isabel Zendal exerceu como enfermeira para supervisar esta cadea de inoculacións durante as duras condicións da viaxe transoceánica.
Despois de viaxar por infinidade de lugares do territorio da América española e das Filipinas, Isabel Zendal non regresaría nunca máis a España. Os seus pasos pérdense en México, onde parece ser que asentou o resto dos seus días xunto ao seu fillo Benito.
Hoxe en día a base de datos sanitaria do Ministerio de Defensa sobre Vacinas leva o seu nome e é considerada pola Organización Mundial da Saúde (OMS) como a primeira enfermeira da historia en misión internacional.
Novo Mundo conta a vida de Isabel Zendal, a enfermeira daquela expedición. Unha muller nada nunha humilde familia de labregos e obrigada a criar o seu fillo en solitario que acabou por se converter no elo imprescindible dunha xesta que supuxo un punto de inflexión na historia da medicina, dunha viaxe que mudou o mundo tal e como se coñecía ata entón.
El Primo Ramón é unha criatura bicéfala: Borja López Cotelo (A Coruña, 1980), arquitecto e doutor en expresión gráfica e María Olmo Béjar (A Coruña, 1980), arquitecta. A pbra foi traducida ao galego por Maruxa Zaera Landeira.
Desde 2009 a 2013 encargáronse do grafismo nas xornadas Pecha Kucha, desde 2012 publican as súas viñetas e ilustracións na revista online de arquitectura Veredes así como colaboracións en Bartlebooth Magazine pero, sobre todo, son unha nova mostra de que a canteira de autores nacionais é inesgotable e dunha calidade evidente.