Saínza, a punkiereteira, ilustrado por Cristian F. Caruncho e con texto de María Canosa (A Costureira Edicións), é un deses libros que fai pensar aos cativos. A historia quere facer ver que na diversidade das persoas reside a verdadeira riqueza. É unha homenaxe á personalidade de cada un de nós, nun mundo que pretende impoñer uniformes ata na forma de ser das persoas mozas, ademais de na súa forma de vestir. Por iso, cómpre que o lean os máis pequenos, para que aprendan a importancia de decidiren por si mesmos os seus gustos, aínda que vaian a contracorrente do resto dos seus compañeiros. Porque así é como nacen as auténticas revolucións. Ademais, relata algunhas escenas divertidas para esmendrellarse de risa que, de seguro, serán moi recoñecibles para moitos.
Cunha coidada edición e unhas ilustracións marabillosas, este libro permite tamén engrandecer a vida no campo, o contacto coa natureza e o fogar familiar da súa querida avoa Carme, os únicos espazos onde realmente Saínza se sente libre, aínda que acabará conquistando todos os que lle son alleos para impoñer a liberdade coma forma da súa vida. «Vivir no medio da natureza, poder tocar, ulir e sentir o mundo dese xeito era un auténtico privilexio".
Baixo o título de Saínza, a punkiereteira, publicado con mimo por A Costureira Edicións, María Canosa constrúe un relato sinxelo e cheo de axilidade, protagonizado por Saínza, unha nena moi enraizada en nós que, nun momento clave da súa vida, isto é, nese tránsito dunha escola a outro centro de ensino, diante de situacións inesperadas mais que ocorren moi a miúdo fai unha férrea defensa das súas conviccións máis persoais.
Allea a convencionalismos, instalada nunha fermosa relación coa súa avoa e apaixonada pola pandeireta é quen de arrostrar con valentía situacións de acoso que atopa no seu novo centro onde atopa un grupo de rapazas con iniciativas, activas e activistas, coas que consegue formar un grupo musical reivindicativo e tan brutal que case sentimos o bater imparable das ferreñas.