Madialeva é unha homenaxe ao rural galego e aos recordos da infancia e da xuventude da autora. Unha homenaxe ás mulleres que o mantiveron a flote.
Ana Moreiras, a autora do cómic, naceu en Trabada en 1976. Licenciouse en Física de partículas na USC e é profesora de tecnoloxía en Secundaria desde o 2000. Publicou con Aira Editorial Madialeva (2019) e Xaora (2023). Activista cultural, colabora en proxectos como Canal Nius (A.C. Canal de Lira, Carnota, A Coruña), en produción e realización audiovisual; Osa do Mar (A.C. Fanto Fantini, Burela, Lugo), en deseño e ilustración Foi directora do festival de cine escolar Olloboi desde a súa creación en 2009 ata o ano pasado.
Madialeva é unha homenaxe, tan sentido como reivindicativo, da súa autora ao rural galego dos seus recordos de infancia e mocidade. Ana Moreiras coñece ao detalle ese ambiente e as súas xentes porque forma parte da súa educación vital. Da necesidade de reivindicar este mundo do campo galego, especialmente a esas mulleres que tanto fixeron e fan por mantelo á boia, xorde esta obra. E precisamente a elección do cómic como instrumento narrativo tamén vén da elección da súa autora de mostrar este mundo dunha maneira diferente.
Despois de realizar unha pequena tirada deste libro de maneira autofinanciada, este cómic viu a luz, primeiramente entre amigos e coñecidos da autora, esgotándose case de inmediato e conseguindo polo camiño unha certa publicidade que facía necesaria esta nova edición por mans da editorial Aira.
E certo é que este traballo merece esta nova edición e, sobre todo, unha nova difusión porque como todas aquelas historias que salguen directamente do corazón, Madiavela transmite e chega ao lector por vía intravenosa.
Ana Moreira fálanos das vidas dos nosos bisavós, avós, pais e nais. Desas historias que os máis afortunados escoitamos contar máis dunha vez á calor da lareira e que a autora dispón agora para todos aqueles que non tiveron esa oportunidade pero que están interesados nas súas orixes.
Matrimonios concertados, as mulleres que traballaban nos talleres de costura a maior beneficio do señor Amancio (perdón, quería dicir o señor Armando), as miserias da postguerra, a vellez en soidade, os fillos do cura…pequenos pedazos de vida todos eles estruturados dunha maneira unitaria por medio dos personaxes femininos que realizan a función de fío condutor.
Madialeva é unha ficción máis real que a vida mesma. Unha obra honesta e na que Ana Moreiras demostra, sendo este o seu primeiro achegamento ao cómic, que non só ten cousas que contar, senón que tamén sabe como contalas. Por todo isto e algo máis, esta obra atrapa e por esta razón debería de ser unha lectura obrigada.