A SOLAINA

PLAN DRECTOR DO BARRIO DA SOLAINA - CONCELLO DE NARÓN

máis sobre a CIRCULACIÓN RODADA

A maior porcentaxe de superficie publica apórtaa a rúa Solaina. Predomina no espazo público do ámbito a superficie dedicada aos carriles de circulación de vehículos, que ocupan preto da metade da superficie total. O espazo de estacionamento na rúa acada o 16%. O espazo restante está dedicado a beirarrúas para o peón (o 24% do total da superficie) e zonas verdes (15%) atopándose estas maioritariamente nas prazas e parques. A zona de vivendas da Virxe do Mar, sita no suroeste do ámbito, é aquela que conta cun espazo peonil máis xeneroso, así como a zona este do barrio. Quedando no ámbito central as zonas que menos espazo dedican ao peón, que a excepción das rúas Cardenal Cisneros , Coruña e Cristóbal Colón o resto non sobrepasan a media.

aínda máis sobre a CIRCULACIÓN RODADA

No barrio da Solaina predominan as rúas de sentido único. De feito, os únicos viais completos con dobre sentido de circulación dentro do ámbito son a avenida de Santa Icía e a rúa Solaina, xunto co tramo sur da rúa Martín Códax, á marxe de tramos soltos ou viais de menor entidade. O resto do viario ten, maioritariamente, un sentido único de circulación, agás algún tramo puntual no que a circulación é exclusivamente peonil, situados case todos eles na metade occidental do ámbito. O tráfico rodado está segregado do peonil con beirarrúas materializadas en tódalas vías, con anchos variables, e a velocidade máxima está limitada na actualidade aos 50km/h, sen maiores restricións en ningún tramo.

Fluxo circulatorio, consideracións xerais.

Durante un día de semana, por cada un dos puntos medidos do ámbito circulan un promedio de 322 vehículos por hora. Durante as fins de semana a cantidade de vehículos redúcese máis dun 20%.

As diferencias entre os distintos puntos de medición son notables:

  • Os puntos con máis circulación rodada son os situados na Av. de Santa Icía. En concreto, o punto polo que máis tráfico rodado circula de todo o ámbito é a rotonda da Av. Santa Icía (punto C3), cun promedio de en torno aos 600 vehículos por hora durante os días de semana, case o dobre do promedio de todo o barrio. Este tráfico é practicamente constante, e acada o seu pico de actividade en torno ás 13h, con case 700 vehículos por hora.

  • O segundo punto con maior circulación é o cruce de Santa Icía con Camiño Roibo / Rúa Hernán Cortés (punto C2), o cal indica que unha parte importante de tráfico é pasante pola Av. Santa Icía.

  • Outra zona na que os valores de tráfico rodado son elevados é o cruce das rúas Cristóbal Colón e Martín Códax, ao oeste do ámbito (punto C6), no que se superan os 440 vehículos por hora de media durante os días de semana.

  • Os puntos nos que menos circulación rodada se detecta son o cruce das rúas Francisco Pizarro e Mestre Mateo, no medio dun espazo baleiro de edificación, con uns de 80 vehículos por hora de media durante a semana, que caen aos 40 vehículos por hora de media durante a fin de semana. A rúa Xaquín Bruquetas, que bordea a Solaina polo norte, ten tamén unha circulación escasa, en torno aos 100 vehículos por hora de media.

Variacións do fluxo ao longo do día, entre días de semana e fins de semana, e variacións do fluxo entre puntos.

  • Por semana, o fluxo de vehículos sufre variacións estimadas ao longo do día do 40% con respecto ao promedio. Estas variacións son moi acentuadas no punto C1, e pouco acentuadas no punto C5, no que o fluxo de vehículos é máis ou menos constante.

  • En xeral, o fluxo máis elevado de vehículos prodúcese cara o final da mañá (a partir das 13:00h), momento no que o punto con maior tráfico (a rotonda da Av. Santa Icía), acada valores darredor dos 700 vehículos por hora.

  • Os valores máis baixos de tráfico rodado danse despois da primeira hora da mañá (a partir das 9:30h), e cara a metade da tarde (a partir das 17h). Os valores máis altos cara o mediodía (13h) e cara o final da tarde (19h).

  • Durante a fin de semana, o promedio de vehículos circulando polo ámbito é un 22% menor que durante a semana, e os picos de maior fluxo circulatorio teñen lugar ao final da mañá. As variacións ao longo do día na cantidade total de vehículos circulando son semellantes durante a fin de semana e durante a semana.

  • As diferencias de fluxo circulatorio entre os distintos puntos son moi acentuadas: na rotonda de Santa Icía o promedio de coches é sete veces superior ao do cruce das rúas Mestre Mateo e Francisco Pizarro. O momento do día no que as diferencias de intensidade circulatoria son máis intensas é a primeira hora da mañá.

Patróns de comportamento dos vehículos, e xiros preferentes

En síntese, podemos resumir a pautas de mobilidade rodada do seguinte xeito:

A Av. de Santa Icía é o principal eixo de circulación rodada do barrio, cun fluxo constante de vehículos, moito do cal é pasante (exóxeno ás dinámicas do barrio, xa que o vial conecta internamente varias zonas de Narón). Tamén é o punto de conexión por carretera máis usado pola veciñanza para conectarse co resto do concello.

A rúa Cristóbal Colón adopta tamén un papel principal na circulación interna do barrio, xa que conecta polo lado oeste coa autopista a través do veciño concello de Ferrol, e establece unha continuidade coa antedita Santa Icía a través da rúa Cardenal Cisneros.

A circulación nos viais interiores do barrio é escasa, a maior parte de mesma ten como protagonista as entradas e saídas dos colexios, e en xeral a redistribución do tráfico que entra e sae dende os viais de xerarquía superior.

Chama a atención o baixo fluxo de vehículos da rúa Solaina, o vial interno de maior sección e amplitude, que conforma un dos poucos eixos leste-oeste que ten continuidade e un dos poucos con dobre sentido.

As dinámicas de circulación máis relevantes, que teñen lugar durante os días de semana, pódense explicar a través de dous esquemas: un que exemplifica os fluxos rodades durante a primeira hora da mañá e ao mediodía, e outro que explica a situación dos mesmos durante as últimas horas do día.

Nas primeiras horas da mañá, o tráfico de Santa Icía é intenso, e mantense (ou incluso aumenta) cara o final da mesma, sen deixar de ser fluído agás en momentos puntuais. Moito deste tráfico é pasante, é dicir, non establece unha grande relación coas rúas interiores do barrio, sen embargo no entronque coa rúa Solaina rexístrase certo fluxo de entrada e saída (aínda que menor) e é sobre todo no entronque da rúa Cardenal Cisneros onde se rexistra moito tráfico de vehículos, especialmente no seu tramo final que ten saída cara a avenida de Santa Icía.

Esta rúa, Cardenal Cisneros, recolle moito do tráfico saínte do resto de rúas do barrio, en especia o que provén da rúa Cristóbal Colón - eixo paralelo ao anterior e co mesmo sentido pero que a diferencia da anterior non ten saída á avenida-.

No outro extremo do barrio, ao oeste, rexístranse valores de tráfico moi elevados a primeira e a última hora da mañá que se concentran en torno ao cruce das rúas Cristóbal Colón e Martín Códax. Boa parte deste tráfico vai ligado á proximidade do enlace coa autopista, e tamén ás dinámicas de entradas e saídas dos colexios e da gardaría, momentos nos que os coches dos pais e nais dan voltas en torno ás mazás dos equipamentos buscando un lugar no que estacionar temporalmente.

Cara o final do día as dinámicas da avenida de Santa Icía son semellantes, cun tráfico continuo, en boa medida pasante, e maioritariamente fluído. Neste caso o fluxo é de retorno ao barrio polo que as saídas por Cardenal Cisneros son menos importantes, e as entradas repártense polas rúas Solaina, Reis Católicos e Hernán Cortés. O fluxo rodado é escaso nas rúas interiores, ao igual que durante a mañá, agás un pequeno incremento nos tramos oeste da rúa Solaina, en ambos sentidos, vencellado ás dinámicas circulatorias no nodo Martín Códax / Cardenal Cisneros (punto moi influenciado pola proximidade do enlace á autopista) onde a cantidade de vehículos que se rexistra volve a ser significativa durante as últimas horas da tarde.

PLANIFICACIÓN TEC ~ 2021

Planificación TEC. Ano 2021. Todos os dereitos reservados. A publicación ou a reprodución do contido desta web queda expresamente prohibida.