A SOLAINA

PLAN DRECTOR DO BARRIO DA SOLAINA - CONCELLO DE NARÓN

máis sobre as ACTIVIDADES ECONÓMICAS

Tan so o 17% dos locais están activos. O resto de locais repártense entre os desocupados (o 29%) ou con actividades privativas sen apertura ao público, como vivendas, almacén, garaxe (o 59%). Nos locais activos predominan as actividades de oficina e provedoras de servizos que suman o 46%, sobrepasando ao comercio (o 31% dos locais activos acollen actividade comercial) e a hostalaría (no 18% dos locais activos). Os equipamentos a pesares de sumar tan só o 5% dos locais, ocupan o 43% da superficie. O índice de diversidade das actividades é extremadamente baixo dentro do ámbito (tendo sobre todo en conta a alta densidade e compacidade do tecido residencial), Sitúase en H’=1,89bits, un valor moi por debaixo do mínimo recomendable de 4 bits de información para tecidos urbanos consolidados

MÁIS SOBRE AS ACTIVIDADES

Índice de actividade dos locais en planta baixa

Os espazos baleiros ou con actividades privativas (vivendas, portais, garaxes, rochos…) tamén teñen repercusións na rúa pero en ocasións poden ser negativas (menos coidado na estética das fachadas e sensación de inseguridade). Estes espazos supoñen tamén unha reserva de espazo dispoñible para actividades terciarias que se poden instalar neles nun futuro.

Contabilízanse e compáranse o número e as superficies daquelas actividades que teñen repercusión sobre o espazo público: aproximadamente tan so o 17% dos locais están activos, distribuíndose o resto de locais entre desocupados ou con actividades privativas.

  • Os locais activos son 150, supoñen o 17% do total e ocupan o 29% da superficie en planta baixa.

  • Os locais semi-activos (usos privativos como vivendas, almacén, garaxe… sen apertura ao público) son 511 (o 59%), e ocupan o 51% da superficie.

  • Os locais desocupados (que tiveron actividade pero están pechados ou aqueles que actualmente están baleiros ou en uso de almacén, sen acceso de vehículos nin comercial) son 205, o 24%, e ocupan o 20% da superficie en planta baixa

Diversidade nas actividades dos locais

O tipo de actividade que teñen os locais do ámbito e a diversidade das mesmas afectan non soamente ao ambiente nas rúas que lles dan acceso senón tamén ao número de desprazamentos que se producen, ao modo no que se producen e á frecuencia dos mesmos. Contabilízanse os distintos tipos de actividade que teñen os locais do ámbito en planta baixa, posto que as actividades do ámbito nas demais plantas é insignificante.

  • Predominan as actividades de oficina e provedoras de servizos, que entre ambas suman o 46% dos locais

  • Tamén abundan no entorno as actividades comerciais: o 31% dos locais acollen actividade comercial

Esta actividade comercial concéntrase nas mazas centrais do ámbito (rúas Solaina, Reis Católicos e Cristóbal Colón), e delimitada pola rúa Francisco Pizarro.

  • As actividades de Hostalaría ocupan o 18% dos locais, e ocupan o 10% da superficie

Ao igual que ocorre co comercio a actividade hostaleira concéntrase nas mazás centrais do ámbito.

En menor medida, tende a situarse tamén na avenida Santa Icía unha pequena zona hostaleira nas proximidades da ponte do ferrocarril.

  • Os equipamentos a pesares de sumar tan só o 5% dos locais, ocupan o 43% da superficie, ficando a súa superficie media (1544m2/local) moi por encima da media ponderada de 190m2. Sitúandose na zona perimetral do ámbito onde as parcelas valeiras de maior dimensión facilitan a situación de equipamentos de gran superficie (colexios, campo de fútbol e locais sociais)

Avaliación da complexidade: índice diversidade das actividades

Nos sistemas urbanos -igual que nos naturais - debe existir complexidade: diversidade e riqueza nas relacións entre os diferentes axentes, asociacións e grupos de todo tipo. Esta complexidade favorece a organización interna, a estabilidade e a resiliencia, e polo tanto a supervivencia do propio sistema urbano a través de situacións de crise.

O índice de diversidade urbana é un indicador relacionado coa cantidade de información organizada que se intercambia dentro do sistema urbano. O seu valor é maior cantas máis diversas e numerosas son as actividades, equipamentos, asociacións e institucións que existen no ámbito. Permite avaliar a concentración de actividade nun territorio, o cal vai asociado a cuestións como a súa centralidade ou madurez. Altos valores de diversidade facilitan a resiliencia e o dinamismo (son territorios máis ricos en coñecemento, nos que as redes internas de intercambio están mellor conectadas), e tamén mobilidade sustentable, xa que unha boa parte dos desprazamentos diarios (por compras, por traballo, lecer…) prodúcense dentro do mesmo espazo. Pola contra, os barrios ou tecidos urbanos con baixos niveis de diversidade soen estar asociados a dinámicas de mobilidade de longos percorridos (e en modos máis contaminantes), e están mais expostos ao abandono ou a paralización en situacións de crise.

Contabilízanse 155 locais con actividade nunha área de 24 hectáreas, con 33 tipos de actividade diferenciadas (“especies” distintas, que se corresponden neste caso con actividades clasificadas do CNAE, a 3 díxitos). O índice de diversidade* das mesmas, medido nunha malla de 200x200m, oscila entre valores que van dende H’= 0bits (zonas nas que non hai ningunha actividade) ate H’=3,84bits (nas zonas de maior actividade). O promedio de diversidade dos distintos cuadrantes dentro do ámbito sitúase en H’=1,89bits, un valor moi por debaixo do mínimo recomendable de 4 bits de información para tecidos urbanos consolidados, e aínda máis lonxe dos 6 bits desexables para entornos de centralidade urbana.

En definitiva, o índice de diversidade das actividades é extremadamente baixo dentro do ámbito (tendo sobre todo en conta a alta densidade e compacidade do tecido residencial), con zonas extensas sen ningunha actividade (espazos baleiros ou en espera, tecido exclusivamente residencial, áreas de reserva das infraestruturas…), Os valores de diversidade son baixos incluso nas zonas de maior concentración de actividades, situándose por debaixo de 4 bits. Polo tanto, as medidas destinadas a aumentar a diversidade de actividades dentro do barrio é fundamental para aumentar a contención dos desprazamentos e a mobilidade sustentable, e para aumentar a resiliencia.

*Shannon-Weaver H´= -Ʃ(pi)(log2pi)




PLANIFICACIÓN TEC ~ 2021

Planificación TEC. Ano 2021. Todos os dereitos reservados. A publicación ou a reprodución do contido desta web queda expresamente prohibida.