PAN PARA O MAR

A chegada a América en 1492 é un dos momentos da historia que se toma como referencia para marcar o comezo da Idade Moderna. Un período de evolución económica e social que coincide tamén co Renacemento cultural. É o tempo en que se inician as grandes expedicións marítimas e se abren novas rutas comerciais que converterán a España e Portugal nas grandes potencias da época.

Neda, como vila que construía barcos, debeu vivir a partir daquela un importante crecemento facendo cada vez máis naves e de maior tamaño e sendo punto que abastecía de madeira ao resto do reino. Sábese que o noso porto era o lugar desde onde saían carballos, castiñeiros, nogueiras e piñeiros de toda a comarca con destino a outras zonas de España e Europa, ben para construír barcos ou ben para facer bocois nos que transportar viños e todo tipo de salgaduras.

Foi así ata que Filipe II restrinxiu as exportacións de madeira e ordenou replantar todos os bosques do seu reino para frear a deforestación que se viña producindo desde un século antes.

¿E que teñen que ver Filipe II e os barcos co pan? Pois teñen moitísimo que ver. Atendede. As viaxes a América e a navegación militar da chamada “Armada Invencible” supuñan un grande reto loxístico, sobre todo porque os mariñeiros tiñan que alimentarse durante semanas co que levaban a bordo. Daquela tampouco había frigoríficos e nos barcos só se cargaba o imprescindible para subsistir: auga doce, legumes, carnes e peixes salgados ou desecados, queixos, aceite... é dicir, nada que puidera perderse.


As Casas Reais

Era habitual que a flota real fondease na ría de Ferrol desde comezos do século XVI e en 1588, sendo rei Filipe II, escolleuse Neda como lugar para establecer as chamadas Casas Reais e Fornos de Provisión. Tratábase dun grande edificio destinado á fabricación de tortas de pan que se cocían dúas veces -por iso se chamaban biscoitos- coa finalidade de que se conservasen durante todo o tempo que duraban as travesías.

A fábrica das galletas mariñeiras da Armada contaba inicialmente con nove fornos que se ampliarían no século seguinte ata un total de quince. Esta industria convertería a Neda no “hórreo de España”, posto que ata aquí chegaban barcos e carros cargados de trigo provenientes doutros lugares de Galicia e do país.

Erguer aquí a Fábrica de Biscoito non foi algo casual, senón unha decisión moi meditada. Neda estaba resgardada de ataques marítimos e, ademais, contaba cunha longa tradición panadeira relacionada coa calidade das augas do Belelle. Antigamente críase que esas augas tiñan unhas propiedades que lle daban brancura aos velames dos barcos e tamén á masa do pan.

Na Idade Media o pan de Neda xa tiña sona pola súa calidade e o curso do Belelle estaba cheo de pequenos muíños movidos pola forza da auga. O establecemento da fábrica de biscoitos favoreceu que se construísen máis muíños e que se ampliasen os existentes con máis moas para atender a demanda de fariña dos fornos reais.

Un exemplo claro témolo no Muíño do Cubo, moi preto do centro urbano, que posúe catro pedras e que seguramente fose no seu tempo un dos principais subministradores das Casas Reais. Cara a 1750 en Neda existían 18 muíños que xuntaban case 30 moas en funcionamento, na súa maior parte no curso do Belelle. Ademais, á marxe das instalacións gobernamentais, na vila existían outros catro fornos dos que dependían catro forneiros e alomenos dous panadeiros.

Os Fornos de Provisión ocupaban unha grande área no lugar onde hoxe se encontra a Casa da Cultura. Quedaron destruídos durante un ataque marítimo con canóns a principios do século XIX e os seus entullos aproveitáronse para outras construcións. Da súa existencia temos constancia polos documentos históricos da época, aínda que do edificio só nos quedou un escudo real -colocado hoxe diante da Casa do Concello- e o nome do lugar coñecido como “Campo dos Fornos”.

A fin dos tempos daquela grande factoría panadeira coincide cun novo cambio na historia: a chegada da denominada Revolución Industrial. Un tempo de progreso e avances tecnolóxicos ao que Neda tamén se adaptou. Pero diso falaremos no seguinte e último caderno de Misión: Neda!.




Os séculos XVI e XVII foron os das grandes viaxes marítimas. Alimentar os mariñeiros sen pisar terra durante semanas era todo un reto… e orixe de motíns e rebelións cando a comida escaseaba.
Filipe II foi quen ordenou erguer en Neda unha factoría de aprovisionamento para a armada e para o resto dos seus exércitos.

As Casas Reais onde se fabricaba o biscoito nun plano da ría de Ferrol do ano 1639. O complexo de fornos encontrábase na zona que ocupa hoxe a Casa da Cultura.
Dos fornos só se conserva unha parte do escudo real, situada na actualidade diante do Concello.
O Muíño do Cubo, un dos máis antigos e tamén máis grandes de Neda, abasteceu de fariña ás Casas Reais durante os séculos XVII e XVIII.

Sabías que....

-O primeiro alcalde do que se ten noticia en Neda chamábase Paio Doncel e viviu no século XIII.

-Unha lenda asegura que o Cristo da Cadea está encadeado para non poder fuxir da igrexa de Santa María.

-Na igrexa de San Nicolás gárdanse como reliquia uns fragmentos de óso que se atribúen a este santo.

-Cando Fernán Pérez de Andrade viña por estas terras, aló pola Idade Media, mandaba diante del un mensaxeiro que berraba “Cocede, panadeiras, que aí vén Fernán Pérez!!”. Debía gustarlle moito o noso pan.