até o noso tempo

O cambio do século colle a Neda en plena transformación. Desde 1835 o territorio é Concello coas delimitacións actuais. Durante o século XIX acometéronse grandes e lentas obras viarias para comunicarnos mellor con Betanzos, con Ferrol e tamén con Ortigueira. A ampliación das estradas respondía así ao progreso económico dunha vila que era encrucillada dos camiños que viñan do norte da provincia e que logo percorrían ambas beiras da ría de Ferrol. Dese tempo son a reforma da ponte de Xuvia -1831- e a construción da de Santa María.

A rebufo do tirón industrial de Xuvia, do núcleo de San Nicolás-Santa María e da actividade na conca do Belelle, Neda afiánzase como unha terra máis ou menos próspera onde, entre outros, atopamos negocios tan diversos como unha fábrica de mistos no Roxal, outra de zocas -a máis grande de Galicia- e incluso unha incipiente pirotecnia fundada pola familia Millarengo a finais dese século que aínda hoxe continúan os seus descendentes.

O José Millarengo Allegue construiu cara a 1890 nas Hedradas un muíño de vento para moer os compoñentes da pólvora. Aínda se conserva e disque é a única edificación deste tipo que queda en toda Europa.

Neda tiña feira no lugar do Albarón os días 10 e 28 de cada mes. Xunto coa do 13, en Sedes, debía ser a máis importante da comarca. A feira, que se viña celebrando desde antigo, era o lugar onde se comerciaba con todo tipo de excedentes agrícolas e gandeiros. Canda ela, o concello tamén contaba con grandes establecementos de ferralla, fariñas, viños, ultramarinos e todo tipo de subministros desde o Portádego -onde está o cruce de Xuvia- ata a ponte.

Boa parte deles manterían actividade ata pasada a metade do século XX. Hoxe os que foran máis importantes noutro tempo están case todos en ruínas.


A Fábrica da Luz e a chegada do tren

Dúas das cousas que mira a Historia para medir o grao de desenvolvemento dun lugar é o momento en que chegaron o tren e a luz eléctrica. E en Neda todo coincide nas primeiras décadas do século XX.

O concello empezaría a electrificarse nos anos 20, pero xa a finais de 1899 comezou a construírse no lugar da Fervenza a chamada “Fábrica da Luz”, concibida como unha central hidroeléctrica que abastecese de enerxía á cidade de Ferrol e os Arsenais.

Inicialmente tiña dúas turbinas que cubrían a demanda da cidade pero tan só unha década despois foi necesario instalar un xerador a maiores e apoiar a produción coa da central da Ventureira, na Capela.

A infraestrutura hidráulica, inaugurada en 1901, sería aproveitada tamén para levar auga ás instalacións da Armada. De feito, un estudo elaborado en 1916 polo doutor De la Iglesia destacaba a calidade da auga do Belelle, reafirmando así o proxecto de entubala ata Ferrol, algo que quedou feito tamén nos anos 20.

O outro sinal de progreso, a chegada do ferrocarril, non se produciría ata o ano 1913, coa inauguración do trazado Ferrol-Betanzos que incluía unha estación en Neda e a ponte de ferro que conecta a nosa ribeira coa do Couto.

O tren foi un argumento máis de adianto, pero non suficiente para frear o a deceleración demográfica que empezaba a producirse no concello mentres que Narón e Ferrol medraban rapidamente en poboación.


Os tempos da República e o Franquismo

Tampouco contribuiría a conflitividade política e social do primeiro tercio do século XX, que viviría unha etapa de cambio e avance democrático entre 1931 e 1936 coa II República, freado en seco tralo golpe de estado de xullo do 36 que desencadearía a Guerra Civil.

En Neda desta vez non houbo batallas, pero si combatentes nun e noutro bando e persoas que foron perseguidas polo seu activismo republicano. Os arquivos da Memoria Histórica falan de alomenos 29 persoas represaliadas e de 9 que foron asasinadas tralo golpe franquista, con ou sen xuízo previo.

A guerra rematou en 1939, pero as guerrillas contrarias ao rexime seguirían combatendo ata practicamente os anos 50 movéndose constantemente polos montes da Capela, Cabanas, Monfero, etc.

Aquí volvemos mencionar a Francisco Cebreiro Barros. Falamos del ao empezo deste caderno. Si, Don Paco da Mercé, o do pazo ¿lembrades?.

Don Paco (1897-1977) fora concelleiro republicano en 1931 e mesmo alcalde de Neda durante nove días. Estivo no cárcere tralo golpe franquista e salvou a vida polos pelos. Malia estar vixiado moi de preto polas autoridades do réxime e ser detido en varias ocasións, Don Paco acubillou “escapados” ou “maquis” na súa casa, acudiu curar a algún deles no seu escondite e cóntase que chegou a impartirlles cursiños de primeiros auxilios.

Neda aínda o recorda como “o médico dos pobres”, pola súa disposición para atender de balde á xente máis desvalida ou cobrándolles unha cantidade simbólica. Unha escultura e a avenida que nos leva ao pazo onde viviu recordan hoxe o seu nome.


A época actual

O Franquismo prolongaríase durante case corenta anos, ata a chegada do constitucionalismo en 1978 e dun novo sistema parlamentario.

Durante todo ese tempo o concello proseguiría evolucionando ao seu ritmo. Quedáramos en que o crecemento da poboación se estancou en comparanza con Ferrol e Narón. Con todo, Neda duplicou en tan só medio século o número de habitantes: en 1900 eramos 4.753 veciñas e veciños e en 1.950 chegamos a ser 9.172.

Da gloriosa industria do pasado só quedaba en funcionamento a téxtil de Xubia e unha afamada rede de fornos, panaderías e cada vez menos muíños.

Neda seguía tendo un comercio próspero debido á súa condición de lugar de paso obrigado para ir a Ferrol. Tamén destacaba a vida social e cultural, con tres sociedades recreativas, dous salóns de baile e dous cines.

Pero as cousas empezan a mudar en 1968. Ese ano entra en funcionamento a Ponte das Pías e, en consecuencia, a economía local debeu resentirse, aínda que non temos dato de ata que punto.

En calquera caso, os estaleiros de Fene e Ferrol absorbían grande parte da man de obra de Neda e aínda máis a partir desde finais dos 60 até mediados dos 70, cando en ASTANO se chegaron a construír os petroleiros máis grandes do mundo.

De igual modo que a construción naval trouxo prosperidade, cando entrou en decadencia a partir de mediados dos 70, tamén trouxo unha situación de crise económica en toda a comarca -acelerada pola entrada na CEE en 1986- que aínda se deixaría sentir ata practicamente o noso tempo.

Os concellos da ría e das terras de Trasancos tiveron que reinventarse e diversificarse para reducir a súa dependencia do naval. Hoxe aínda non o lograron de todo... pero iso xa é memoria colectiva do presente que calquera persoa vos pode contar, ou quizais sexa tema para tratar nunha próxima edición de Misión: Neda!.




No século XIX confirmouse a expansión de Santa María e a transformación de Xuvia no segundo grande polo económico do concello.

Muíño de vento construído por Jesús Millarengo -agora propiedade de María Jesús Millarengo Sánchez-, nas Hedradas, o único para moer pólvora que se conserva en Europa.
A “Fábrica da luz” do Belelle entrou en funcionamento en 1901 para subministrar á cidade de Ferrol. Desde o lugar da Fervenza tamén se levaría auga para as instalacións da Armada vinte anos despois. A planta segue funcionando na actualidade co mesmo sistema: unha canle colle auga na parte alta do salto, lévaa pola aba de Marraxón e déixaa caer con forza uns 150 metros até as turbinas dos xeradores por medio de grandes tubos metálicos.

A ponte do tren entre a ribeira e o Couto foi a primeira grande obra de enxeñaría para salvar a ría. Empezou a usarse regularmente en 1913 e incorporaba un paso peonil que aforraba ter que ir ata Xuvia para chegar a Ferrol.
A Casa das Palmeiras, unha das poucas vivendas de estilo Indiano que quedan en Neda. Os emigrantes retornados de América que fixeron fortuna a principios do século XX traían canda si os estilos costrutivos de Ultramar.

Don Paco “o da Mercé”, coñecido como o médico dos pobres, asistiu tamén aos guerrilleiros antifranquistas da comarca. Un monumento situado fronte á Casa das Palmeiras e o nome da avenida que conecta co Puntal honran a súa memoria.
Os Tranvías de Ferrol -empresa fundada en Neda- chegaron a levar máis de 4,5 millóns de viaxeiros en 1950, ano en que Neda tivo a poboación máis elevada.
Botadura do superpetroleiro Santa María nos estaleiros de ASTANO, o 12 de agosto de 1975. Con 326 metros de eslora foi o buque máis grande do mundo construído e botado desde unha grada inclinada. Os anos 60 e parte dos 70 foron a época dourada da construción naval na ría de Ferrol, á que Neda contribuía con moita man de obra.
Neda é hoxe un lugar ideal para vivir. Ben comunicado, dotado de servizos e preto dos principais centros industriais da comarca. Ademais, tamén ten moita historia e patrimonio para descubrir, ¿non credes?

Sabías que....

-As mulleres da fábrica téxtil de Xuvia tiñan unha linguaxe de signos propia para comunicarse no medio do ruído das máquinas.

-Anca tamén foi Concello en 1821.

-A Neda chegou no século pasado unha rama da familia Silvent, orixinaria de Estremadura. Eles crearon o monicreque “Barriga Verde”, o primeiro e máis coñecido espectáculo dunha grande estirpe que hoxe continúa vinculada co entretemento.

-A serie “The Walking Dead” ou o videoxogo “The Last of us” inspíranse nos zombis creados por George A. Romero, o neto de Antonio, o da Casa do Galo.

-O mapa de Galicia deseñado por Domingo Fontán en 1834 é tan preciso coma unha foto de satélite. Podes comprobalo na web mapas.xunta.gal

-A fábrica de gasosas Aguas de La Basana -a fábrica de Lero- usaba como publicidade o lema "Aguas de La Basana, del manantial de Laureana", en referencia á lenda da moza convertida en queixo e tamén á crenza popular de que todo o monte era un grande depósito de auga. Por certo, ademais de gasosas, Lero tamén elaboraba refrescos de laranxa, coñecidos popularmente coa palabra inglesa "orange".