dos romanos ao cristianismo

É sorprendente que nos queden restos dos castros e das mámoas e que, porén, non teñamos en Neda ningún resto coñecido da época da romanización coma os que si se atoparon noutros concellos da comarca. E iso que foron 500 anos da nosa historia, desde cen anos antes do inicio da nosa era ata catrocentos anos despois, cando o Imperio empeza a descompoñerse.

Durante ese tempo os romanos foron traendo a súa cultura e a súa tecnoloxía, ademais de integrar esta parte da Gallaecia -así lle chamaron ao noroeste de Hispania- nas redes de comunicación e comerciais do Imperio. Boa parte desa época coincidiu coa Pax Romana, un período duns dous séculos en que a ausencia de guerras e conflitos foi moi favorable para o desenvolvemento económico e social.

Quizais por iso, por non ter que defenderse de ninguén, os castros quedaron abandonados e empezaron a prosperar pequenas vilas na beira da ría, como ben puideran ser o que hoxe é Xubia,na desembocadura do río grande, e San Nicolás e Santa María, en ambas marxes da desembocadura do Belelle. Por aquel entón a ría tiña seguramente máis calado e o Belelle debía ser navegable ata ben entrada a terra, propiciando que aquela Neda primitiva florecese como porto comercial.

Xunto coa cultura, as comunicacións e un comercio a maior escala, os romanos trouxeron canda si unha relixión con múltiples deuses que, segundo se cre, conviviron coas deidades ancestrais dos ártabros e do resto de pobos celtas. Foi así ata que o Imperio Romano adoptou oficialmente o Cristianismo como única fe aló polo ano 380. A nova relixión logo se estendeu por todos os recunchos e acabaría desprazando as crenzas romanas e tamén as dos celtas.

No ano 395 o imperio queda dividido en dúas metades. A parte occidental, onde estaba a Gallaecia, non tardaría en ser dominada polo pobo suevo procedente do centro de Europa. O Imperio Romano de Occidente desaparecería como tal en 476, pero a nosa historia continuaría de aí en diante vencellada aos sucesivos reinos suevos e visigodos dunha Gallaecia xa independente de Roma.

En paralelo, a Igrexa irá ganando cada vez máis poder nos séculos seguintes como administradora espiritual, pero tamén como administradora de terras e rendas que lle chegan por doazón da nobreza. Trasancos aparece citado como territorio no século VI dentro do bispado de Iria Flavia e puidera ser daquela, aínda que nada o confirma, cando se fundou o mosteiro de San Martiño de Xubia que hoxe se ergue na outra banda da ría, xusto ao pé da ponte do tren.

Non hai datos sobre cando se construiu, pero algúns estudosos aseguran que sufriu ataques musulmáns a principois do século IX e tamén normandos e viquingos cara ao século X.

Nun documento dese mosteiro datado no 977 aparece por primeira vez o nome de Neda. Dona Visclávara Vistrariz, bisneta do rei visigodo Ramiro I, entra como monxa no mosteiro -onde había homes e mulleres- e cédelle á congregación terras en Ardá, pero tamén de Xubia, Casadelos, O Albarón, Cerdeiras, Pielas, Leboreiro e “Nepta” ou Neda.

Entramos xa na Idade Media.... pero iso será cousa do próximo caderno de Misión: Neda!.





Reconstrución do mapa do mundo coñecido segundo as descricións de Pomponio Mela. O xeógrafo romano naceu no que hoxe é Alxeciras, en Andalucía. Unha vila que garda con Neda unha estreita relación desde a Idade Media. No mapa de Mela, o río Iuvia queda na parte inferior, xusto onde marca o punto rosa. (Fonte: Wikipedia "Orbis habitabilis ad mentem Pomponii Melae", Mappaemundi, Heft VI. "Rekonstruierte Karten", Tafel 7- Konrad Miller)

En Neda aínda non se atopou ningún resto da época romana. Noutras zonas da ría apareceron construcións tan espectaculares coma os baños de Caldoval, en Mugardos. Na imaxe vese unha bañeira de auga quente, denominada alveus. (Fonte: Museo de Caldoval - www.museocaldoval.gal, Concello de Mugardos)

San Martiño de Xubia (Mosteiro do Couto), construído segundo se cre nalgún momento entre os séculos VII e IX. Nun escrito deste mosteiro datado no ano 977 aparece por primeira vez o nome de Neda

Sabías que....

-As mámoas e os petróglifos foron utilizados durante séculos como marcos para sinalar as divisións do territorio e que a xente pensaba que neses lugares vivían Mouros gardando preciosos tesouros.

-O monte de Ancos está cheo de lendas. A máis sonada é a da Aureana ou Laureana, a moza convertida en fonte para fuxir do feitizo dunha meiga. Outra fala dunha galiña que sae nas noites do San Xoán cunha rolada de pitiños de ouro. Pero hai moitas máis... pregunta, investiga e descúbreas.

-Hai quen asegura que Neda está comunicada desde a Idade Media co mosteiro de San Martiño do Couto por un túnel que pasa por debaixo da ría. ¿A ti que che parece, será certo ou só un conto? ¿Cres que esa obra se podería facer coa tecnoloxía dispoñible hai mil anos?.