MISIÓN: NEDA!

UN XEITO DISTINTO DE DESCUBRIR O TERRITORIO



a idea...

Neda é un territorio poboado desde hai moitos séculos. Desde a Idade do Bronce ata a nosa época temos unha chea de exemplos dunha historia riquísima: igrexas, muíños, cruceiros, rúas medievais, restos do noso pasado industrial, etc.

Pero, ¿que sabes do concello no que vives? ¿realmente coñeces os segredos e tesouros que agocha?. Misión: Neda! é unha proposta da Concellaría de Educación, Cultura, Patrimonio e Turismo para descubrir en familia o pasado do noso territorio.

En 2019 organizouse a primeira edición dun xogo pensado para a rapazada de entre 8 e 16 anos no que debían percorrer o concello na procura de 22 letras coas que compoñer unha misteriosa frase final. Para iso editáronse tres cadernos didácticos -dispoñibles na biblioteca municipal- e tamén esta web, onde se publicaron os mapas coa localización de todas as letras do enigma.

Na actividade participaron arredor de 200 familias e os nenos e nenas que lograron resolver o reto -a frase era "Neda, un concello incrible"- entraron no sorteo de catro fantásticas táblets.

A parte do concurso está desactivada da web ata que se volva poñer en marcha unha nova "Misión: Neda!" cun novo enigma e distintos lugares para descubrilo. Mentres tanto, mantemos o resto de contidos, que vos ofrecen unha visión resumida de 5.000 anos da nosa historia, desde o Neolítico até practicamente a actualidade.

Entrade e descubride por que Neda é un sitio incrible.