O TÍTULO REAL

Xa falamos de que a ría debeu ter antigamente un aspecto distinto ao que ten hoxe e posiblemente tamén maior calado nas súas ribeiras, algo que propiciaría a navegación de botes de pesca e de grandes embarcacións para o transporte de mercadorías e incluso de persoas.

Na desembocadura do Belelle, na fachada marítima de San Nicolás e Santa María, houbo uns pequenos estaleiros e, ademais, a historia tamén nos fala dos nedenses como grandes mariñeiros. E hai alomenos dúas probas diso.

En 1247 o rei Fernando III “O Santo” formou unha escuadra de tres navíos e cinco galeras -barcos que tiñan velas e remos- para arrebatarlles aos musulmáns a cidade de Sevilla. O almirante real Ramón de Bonifaz reclutou para esa flota embarcacións e tripulantes dos portos de Pasaxes, Guetaria, Castro Urdiales e Neda.

Contra ventos e tempestades, as naves chegaron ao Guadalquivir no verán dese mesmo ano e comezaron unha dura e lenta remontada do río ata que, en maio de 1248, lograron romper a barreira que lles impedía chegar á cidade. Tras varias batallas e un sitio que durou seis meses, Sevilla rendeuse. En agradecemento pola súa contribución á victoria, o rei concedeulle a Neda privilexios e o título de vila real que chega ata os nosos días.

A participación de Neda na loita territorial entre cristiáns e musulmáns volvería repetirse case un século despois, en tempos xa do rei Alfonso XI. En 1340 un barco “de 200 toneis” construído en Neda e capitaneado ao parecer polo tamén nedense Alonso Esquío formou parte dunha pequena escuadra que acudiu ao bloqueo marítimo da cidade de Alxeciras, moi pretiño de Xibraltar.

Cóntase que a nave cortou coa súa proa a grande cadea que protexía o porto e, pouco despois, os exércitos do rei conquistaron a cidade. Corría o ano 1344 e a victoria do rei castelán supúxolle a Neda novos privilexios, entre eles non ter que pagar certos impostos e o dereito a cobrar tributos polas mercadorías que se cargaban e descargaban entre Xubia e o cabo do Montón.

Se vos fixades no actual escudo do Concello veredes que en recordo daquela fazaña nel aparecen unha igrexa, unha torre, un barco e unha cadea rota por unha cuña de auga. Ademais, Neda e Alxeciras son vilas irmanadas desde o 1983. Alí hai unha praza que leva o nome do noso municipio e nós puxémoslle o nome de Alxeciras á nosa principal avenida. Ah, e outra cousa, fixádevos tamén en que Neda facía barcos de guerra moitísimos anos antes que Ferrol!




O desenvolvemento de Neda a partir da Idade Media débese nunha parte importante ao comercio marítimo, aos camiños de peregrinación e á industria panadeira.
Fernando III de Castela “O Santo” foi quen lle deu a Neda o título de vila.
O escudo oficial de Neda rememora a toma de Alxeciras en 1344