as mámoas

As xentes que habitaron Neda hai milleiros de anos non nos deixaron historias escritas para que hoxe poidamos saber como era a súa vida e a súa cultura. Pero daqueles tempos si que nos quedan algúns rastros ocultos na paisaxe.

Os máis antigos son as mámoas. ¿Sabes o que é unha mámoa?. Pois unha mámoa é un lugar feito polos nosos antepasados para soterrar ás persoas que falecían, seguramente as máis importantes da comunidade. Construían unha pequena estrutura de pedra -chamada anta ou dolmen- onde introducían o corpo da persoa morta acompañado de cerámica e outros adornos, quizais para que lles fosen útiles na outra vida. Despois cubríase todo con terra formando un montículo de escasa altura -pouco máis de 1,5 metros- e arredor de dez metros de diámetro. Ás veces nunha mesma zona había varios destes enterramentos, coñecidos tamén como túmulos.

Crese que as mámoas son da Idade do Bronce, un período da civilización que vai desde os 6.000 ata os 2.000 anos antes de Cristo. É dicir, ¡as mámoas poden ter máis de 7.000 anos de antigüidade!. O dobre que as pirámides de Exipto!. De todas cantas mámoas ou medoñas hai aínda en Galicia -arredor de 8.000-, ningunha se conserva intacta: case todas foron destruídas ao ser escavadas na busca dos supostos tesouros que gardaban e outras quedaron arrasadas na construción de estradas ou ocultas debaixo de plantacións forestais.

Pero... hai mámoas en Neda?. A resposta é si, aquí tamén existen polo menos 4 túmulos do chamado “megalitismo galego”, a época na que os nosos antepasados xa facían armas e ferramentas de bronce, un metal que resulta de fundir xuntos o cobre e mailo estaño.

As mámoas que hai identificadas en Neda son practicamente imposibles de observar a simple vista e é difícil chegar a elas. Unha está debaixo dun eucaliptal no lugar da Cortella, na parroquia de Anca, moi preto do límite con Naraío. Outra é a chamada “Mámoa do Inglés” e encóntrase preto da cima da Louseira, en Viladonelle. A terceira mámoa localizada está no monte Marraxón, na parroquia de Santa María de Neda, igual que a achada nun monte do lugar de Gunduriz, xusto enriba do túnel da autoestrada AP-9. Preto de alí, na Rabadeña, tamén apareceron dúas rochas con catorce marcas gravadas. Os debuxos labrados na pedra chámanse “petróglifos” e os encontrados na Rabadeña son pequenos buratos denominados “cazoletas” e se cadra son aínda máis antigos que as mámoas.





As mámoas eran tumbas feitas con grandes pedras de granito ou lousa. No interior da cámara introducíase o cadáver rodeado de pertenzas e ofrendas que lle serían de axuda no seu tránsito cara a outra vida. Estes túmulos cubríanse logo de terra e estaban rodeados a maior parte das veces por un círculo feito con pedras máis pequenas. A da foto é a Mámoa de Lamas, en Portugal, unha das mellor conservadas de todo o noroeste peninsular. En Galicia poucas quedan intactas, xa que durante séculos foron expoliadas na busca de tesouros ou arrasadas por obras públicas e plantacións forestais. (Imaxe: Wikipedia - Jose Goncalves)


A mámoa de Marraxón forma parte dun conxunto de túmulos que se estende até Fene. Está completamente destrozada e oculta polos toxos. Ademais, xusto enriba da cámara funeraria colocouse un poste de indicación xeográfica
Petróglifos da Rabadeña. Son pequenos buratos na pedra dos que se descoñece a finalidade. Crese que son da época das mámoas ou incluso anteriores. Estes descubríronse durante as obras de gasificación da comarca.