SAN NICOLÁS E SANTA MARÍA

A chegada de peregrinos xacobeos relaciónase coa construción da igrexa de San Nicolás aló polo século XIV, posiblemente sobre restos máis antigos. Este santo é patrón de mariñeiros e de viaxeiros. En Neda aínda se conserva o costume de facer as camiñadas de San Nicolás durante nove luns seguidos. Esa é a razón de que a igrexa da ribeira estea aberta da mañá á noite todos os luns do ano. Calquera deses días podedes visitala e descubrir a súa arquitectura, que sufriu varias transformacións ao longo dos séculos.

Ao seu carón hoxe atopamos un cruceiro datado tamén do século XIV ou XV que é unha auténtica xoia do noso patrimonio. Está considerado o segundo cruceiro máis antigo de Galicia -despois do de Melide- e mostra a figura de Cristo polos dous lados, cousa pouco habitual nun cruceiro.

Orixinariamente estaba na rúa do Paraíso e despois de ser destrozado no ano 1935 botou tres anos exposto na igrexa. Logo volveu ao seu sitio orixinal montado sobre un soporte de cemento e en 1975 foi instalado definitivamente no adro de San Nicolás sobre unha antiga columna dun soportal.

Outro elemento relixioso que cómpre destacar é a cruz do Cristo da Cadea que preside o retábulo maior da igrexa de Santa María. O templo data do século XVII e érguese onde antes estaba Santa María do Porto, da que se fala en documentos do século XI.

A figura á que nos referimos é unha talla de madeira con Xesucristo rodeado por unha cadea. A súa historia é de película. Veredes. No século XVI, o rei de Inglaterra Enrique VIII divorciouse de Catarina de Aragón para casar con Ana Bolena. O Papa de Roma non aprobou tal cousa e o rei decidiu entón separar a Inglaterra da Igrexa Católica e converterse el mesmo en xefe da Igrexa Anglicana protestante.

A ruptura foi seguida da destrución de imaxes, reliquias e santuarios. Algúns salváronse, coma o noso Cristo da Cadea, que chegou a Ferrol por vía marítima traído polo nobre John Dutton xunto con outras moitas imaxes, que este lles vendeu a varios párrocos das freguesías por onde pasaba o Camiño Inglés. O Cristo da Cadea quedou en Neda, mercado por Alonso Ares de Mourelle, crego e veciño de Santa María.



O Hospital do Espírito Santo

Se tivesemos unha máquina do tempo e puidesemos voltar a aqueles tempos do medievo, seguramente atopariamos unha vila protexida na súa parte norte polo río Belelle, polas augas da ría ao oeste e tamén por tramos amurallados que se cruzaban por seis portas das que só queda o nome no recordo popular.

Iso é o que sosteñen os estudosos locais Manuel Pérez Grueiro e Antonio Vázquez Rey cando describen a Neda medieval e dos inicios da Idade Moderna.

A vila medrou a un e outro lado do eixo principal formado pola rúa do Castro, a rúa Real e a do Paraíso, así como nos arredores da Praza da Reitoral e da rúa Sobre a Vila.

Empezando o camiño desde o peirao de San Nicolás e subindo cara ao centro, veremos que a partir da rúa Real existe un sendeiro empedrado que é hoxe en día un dos poucos elementos construtivos que quedan da antiga poboación, xa que os nosos característicos soportais son moi posteriores. Por debaixo desas 350 lousas de granito discorría o cano mestre que evacuaba as augas fecais e as da chuvia cara á ría.

Daquela non había alcantarillados como hai hoxe, nin tampouco váteres... todo se tiraba na rúa, co que era habitual que nas cidades e vilas se propagasen enfermidades pola falla de hixiene.

Por sorte, Neda contou a partir de 1500 co chamado Hospital e Capela do Espírito Santo, unha institución fundada por Margarita Fernández e o seu marido Pedro García que asistía aos peregrinos de camiño a Santiago, pero tamén a persoas enfermas ou desvalidas da propia vila.

O antigo hospital encontrábase onde hoxe están a Casa do Concello e a torre do reloxo, construída case 300 anos despois.

Del só chegou ata os nosos días parte da fachada que dá á Rúa Real, a inscrición fundacional que hai enriba da porta do Arquivo Municipal e unha pedra cunha pequena cruz que está gardada na Casa das Palmeiras.




O templo de San Nicolás foi reformado ao longo dos séculos. Seguramente se construiu arredor do século XIV sobre restos máis antigos.
O Cruceiro de San Nicolás é un dos máis antigos de Galicia
O Cristo da Cadea veu por mar desde Inglaterra tralo cisma entre a Igrexa Católica e a Anglicana. Chegou a Neda a mediados do século XVII. Preside o altar maior da igrexa de Santa María

Plano aproximado de como debía ser a vila medieval, segundo Manuel Grueiro e Antonio Vázquez Rey
Na Rúa Real recuperouse o empedrado do Cano Mestre, que evacuaba todo tipo de augas cara á ría.

O arco da Torre do Reloxo e o gravado fundacional son case os únicos restos que quedan do Hospital do Espírito Santo.