A revolución Industrial

Durante o século XVIII Neda consolídase como enclave portuario e como principal motor económico da ría. Unha situación que empezará a cambiar coa construción en Ferrol dos arsenais, dos estaleiros militares e do barrio da Magdalena, concibido seguindo a ordenación racionalista do pensamento ilustrado.

Que Ferrol medrase non supuxo que Neda fose a menos. É máis, a nova cidade tirou aínda máis da economía e do desenvolvemento social do noso concello, habida conta de que a maior parte do tráfico terrestre de mercadorías cara á nova cidade pasaba por aquí.

Hai que lembrar tamén que as Casas Reais seguían funcionando e que a incipiente industria militar demandaba man de obra e todo tipo de subministros. De feito, Neda seguiría mantendo certo vigor como porto comercial ata o século XX e o centro de San Nicolás medrou rapidamente fóra de portas por Santa María e Xuvia, segundo grande centro económico do concello.

A evolución vémola nas construcións que aínda se conservan en todo ese eixo. Moitas das casonas de maior poderío que podemos ver na vila e nos arredores son daquela época, dacabalo entre os séculos XVIII e XIX, intre no que tamén botan a andar as grandes experiencias industriais do municipio.


A curtiduría da Mercé

Unha das primeiras foi a Fábrica de Curtidos da Florida, fundada sobre 1790 polo comerciante rioxano Franciso Antonio Somalo. Alí curtíanse coiros provenientes da comarca e de ultramar -o coiro era materia prima para calzado, cintos, sillas de montar, alforxas, etc.- que despois se tinguían con cortizas recollidas en carballos de toda a volta.

Somalo transformou as antigas construcións -posiblemente do século XV ou XVI- nun establecemento fabril cunha grande casa que seguía os modernos modelos de produción da época.

O pazo, situado no lugar ribeirao da Florida, contaba xa daquela con moitas terras e cunha capela na honra da Nosa Señora da Mercé. Nos anos seguintes pasaría por moitas vicisitudes: leas pola súa propiedade, o declive de finais do século XIX e a súa conversión en convento Franciscano ata que, en 1925, a propiedade pasa a mans do médico Francisco Cebreiro Barros, Don Paco o da Mercé, do que falaremos algo máis adiante.


A fábrica de Xubia

A experiencia da Florida non foi a única. Nin sequera a única relacionada co coiro. Houbo curtidurías ao pé do Basteiro -en Santa María-, no lugar da Fraga e tamén no Monte, onde quedaría o nome de Fábrica do Monte.

Namentres, proseguía unha intensa explotación das augas do Belelle con muíños de fariña e con outras plantas que usaban a forza motriz da auga para facer papel, cartón e naipes a partir da moenda e prensando farrapos. É o caso, por exemplo, do muíño das Bombas, no Roxal, situado ao ladiño de onde se celebra na actualidade o Festival do Belelle.

Porén, a grande iniciativa fabril da Neda ilustrada van ser os Reais Establecementos de Xuvia, construídos a partir de 1791 por orde do Conselleiro de Guerra D. Eugenio Izquierdo. Para abastecer de auga a planta e mover a maquinaria represouse o río -a Presa do Rei- e cavouse unha canle. Tamén se ergueron varias edificacións para aloxar equipamentos e persoas. A partir de 1803 a fábrica empeza a estirar planchas de cobre para forrar o casco de madeira dos barcos de guerra que se facían en Ferrol. Esta actividade iría a menos trala derrota da flota real en Trafalgar, aló polo 1805.

A invasión francesa de 1808, que tamén chegaría a Neda, mudou a actividade do recinto. Durante uns poucos meses de 1809 alí poduciríanse fusís e baionetas e en 1811 as Cortes de Cádiz deciden transformar as instalacións reais en fábrica de moeda de cobre, que se acuñaría até 1868, ano en que remata a súa relación co metal.

En 1874 o acaudalado Francisco Barcón y Quevedo faise co complexo para convertelo canda outros socios en fábrica téxtil e de fiaduras de algodón. A produción de tecidos manterase até os nosos días cambiando de denominación e de propietarios en dúas ocasións durante o século XX.

A familia Barcón promovería outras iniciativas de progreso, como por exemplo a constitución da compañía de Tranvías de Ferrol que uníu Neda coa cidade naval desde 1924 ata 1961, cando foi substituída polos autobuses. Cara a 1950 a liña chegou a mover máis de 4,5 millóns de viaxeiros.

Non todo foron adiantos. Nas sucesivas transformacións da fábrica de Xuvia desapareceron construcións orixinais que hoxe terían un grande valor arquitectónico como exemplo do noso pasado industrial.

A fábrica tamén foi xermolo de movementos de protesta, como o caso da Revolta das Pedradas de 1918, cando toda a comarca se rebelou contra os prezos abusivos de produtos de primeira necesidade. A téxtil de Xuvia foi un dos focos da revolta, encabezada polas mulleres que compuñan a maior parte da súa plantilla.


O Pazo de Isabel II

Pero retrocedamos de novo no tempo ata a primeira metade do século XIX. Á beira do Belelle comezaba daquela unha nova experiencia industrial impulsada polos irmáns Veiga, comerciantes de éxito no envío de tecidos a América desde París que decidiron volver a Galicia para producir as súas mercadorías. Montaron fábrica na Coruña e despois, a partir de 1843, no Roxal, coa planta téxtil que hoxe coñecemos como Pazo de Isabel II.

A factoría era por aquel entón a máis moderna de Galicia e seguramente unha das máis avanzadas de España. En 1850 obtivo a medalla de ouro na exposición industrial de Madrid e un ano despois unha mención na de Londres, considerada a primeira Exposición Universal.

Usaba a auga do Belelle e tamén maquinaria de vapor, coa que se movían ata 107 teares. Dáballe emprego a 85 persoas e, malia ser unha empresa modélica, nunca conseguiu arrancar completamente, lastrada por débedas e polos aranceis que pesaban sobre o comercio de teas.

O último intento de reflotala foi en 1874. A tentativa non tivo éxito, e a finca de 40.000 metros cadrados xa esmorecía nos primeiros compases do século XX. Hoxe só podemos ver desde fóra o que debeu ser aquel ambicioso proxecto industrial.







A maioría das grandes casas de San Nicolás e Santa María construíronse entre finais do século XVIII e mediados do XIX.























O Pazo da Merced ou “da Mercé” foi unha fábrica de curtidos que se ergueu sobre construcións anteriores. Hoxe é un importante establecemento hostaleiro de Neda.





Planos orixinais da cobrería de Xuvia. A planta concibiuse seguindo os novos modelos de produción e de organización do traballo nacidos no no norte de Europa.

O Estado construiu a fábrica de Xuvia na desembocadura do río e ao pé da ponte, que sería reformada varias veces desde a Idade Media, a máis importante en 1831.

As mulleres da factoría téxtil tamén protagonizaron a revolta de 1918 contra os prezos abusivos de produtos básicos coma o pan. En plena primeira Guerra Mundial xurdiron comerciantes que acaparaban trigo para especular con el. A situación rebentou na comarca no mes de marzo dese ano.
Na fábrica acuñouse moeda desde 1812 debido a que o Real Enxeño de Segovia -principal planta daquel entón- estaba en mans dos invasores franceses. Os últimos maravedís da Coroa española saíron de Xuvia e en 1850 deuse orde de cesar a actividade como ceca -nome dos lugares onde se fan moedas-, aínda que se seguirían prensando cartos en metálico ata 1868, combinando esa actividade coa fabricación de folla de lata e, de novo, planchas de cobre.

O Pazo de Isabel II nunca chegou a ser rendible malia tratarse da fábrica de tecidos moi moderna. As edificacións ocupan case 80 ferrados de terreo ao pé do Belelle.
A antiga téxtil do Roxal xa non funcionaba a principios do século XX. Pechara anos antes polas débedas e pola dura competencia do mercado dos tecidos.