NEDA NO CAMIÑO

A Neda medieval era unha vila que tiña no mar un dos seus sustentos. O estaleiro da ribeira de Santa María debía facer tamén pequenas embarcacións pesqueiras e barcos de maior tamaño para o transporte de todo tipo de mercadorías que partían desde aquí con destino a outros portos peninsulares e mesmo europeos. Peles e coiros, peixes salgados e afumados, os viños que saían das vides do Albarón...

Neda xa tiña que ser un lugar moi próspero nos séculos XII, XIII e XIV, dominada por dinastías señoriais galegas coma a de Trastámara, Lemos, Traba ou Andrade, que exercían o seu poder a través de familias fidalgas, como ben puido ser a dos Esquío.

De Alonso Esquío “o heroe de Alxeciras” xa falamos, pero hai máis “esquíos” na nosa historia. No mosteiro do Couto está soterrado Gonzalo Esquío, e na igrexa de San Nicolás o seu fillo Diego, falecido no século XV en tempos das revoltas Irmandiñas.

Pero con ese apelido hai un nome que destaca entre todos: Hernán ou Fernán Esquío, poeta trobadoresco que puido ter nacido en Neda e sobre o que pouco ou nada se sabe. Del quedáronnos nove cantigas escritas en galego primitivo, posiblemente de mediados do século XIII. Crese que as cantigas de amigo, de amor, de escarnio e maldizer como as que el escribiu son un xénero literario orixinario do sur de Francia que chegou ata terras galegas seguindo o camiño de Santiago.

Trala descuberta no ano 813 dos restos atribuídos ao apóstolo, Neda convértese xunto con Ferrol e outros portos da ría en punto de chegada por mar de peregrinos procedentes do norte de Europa aproveitando as rutas estables de mercadorías que xa había naquela época. A maioría ían a Santiago seguindo o Camiño Inglés, pero tamén había quen se encamiñaba a Santo André de Teixido, outro dos antigos lugares máxicos de Galicia.



San Nicolás e Santa María eran punto de arribada de peregrinos con destino a Santiago e Santo André de Teixido.
Sepulcro de Diego Esquío na igrexa de San Nicolás. Os Esquío foron unha estirpe fidalga vinculada a Neda. O máis coñecido de todos é Fernán Esquío, poeta trobadoresco medieval do que non existen datos certos máis aló das 9 cantigas que nos legou.
As peregrinacións xacobeas influirían no crecemento de Neda como vila