tempos revoltos

As iniciativas industriais xurdidas en Neda coinciden no tempo con períodos de grande inestabilidade. Entre 1808 e 1814, líbrase en todo o Estado a Guerra da Independencia contra os franceses. O exército de Napoleón botou en Galicia uns 6 meses e durante a súa estadía fixo requisas en toda a zona. Neda foi o lugar onde se depositaban os víveres incautados, aínda que non se sabe ben se o lugar elixido como almacén foron as Casas Reais ou a cobrería de Xuvia.

A aprobación da Consitución de 1812 polas Cortes de Cádiz marca o inicio da Idade Contemporánea en España, que foi seguida de décadas de axitación política e social e mesmo dunha guerra civil entre 1833 e 1840. Tres anos despois as pugnas polo control do país continuaban e, nese contexto, produciuse en xullo de 1843 a chamada por Grueiro e Vázquez Rey “Batalla de Neda”, na que combateron tropas procedentes de Ferrol partidarias do rexente Espartero e un exército antiesparteirista chegado da Coruña, apoiado pola Xunta Provisional de Neda.

As tropas ferrolás sitiaron a vila, logo saqueárona e bombardeárona desde a ría, destruíndo completamente as Casas Reais. Crese que os enfrontamentos corpo a corpo se produciron na zona da Muchiqueira. A poboación quedou tan tocada por aquel episodio que incluso se solicitou a exención de impostos para que puidese recuperarse.


Zombis de ida e volta

A situación do país, e sobre todo da maltreita economía, forzou a moitos a emprender o camiño da emigración a partir da segunda metade do século XIX, principalmente con destino a Cuba e, posteriormente, á Arxentina.

Un dos que marcharon na busca de mellor fortuna foi Antonio Romero, un mozo da Mourela do Medio que fixo riqueza co comercio na Habana. En Cuba casou con outra galega coa que tivo dúas nenas e un neno, Pura, Nena e Jorge. Todos viñeron nacer a Galicia.

Ata aquí unha historia común a milleiros de emigrantes...se non fose porque ese rapazolo que un día marchou da coñecida como Casa do Galo era o avó de George A. Romero, director en 1968 da afamada película “A noite dos mortos vivintes”.

O filme igual vos soa, ou quizais non, pero tedes que saber que se trata dunha película venerada pola crítica e por amantes do cine de terror, sobre todo porque marcaría o comezo do cine de zombis cos personaxes tal e como hoxe os coñecemos: seres non mortos, máis ben parvos e algo lentos que só con trabarnos nos converten nun zombi coma eles.

George A. Romero (1940-2017) investiu pouco máis de 100.000 dólares en facer unha película que logo recadaría 42 millóns. El mesmo recoñeceu que os seus zombis estaban influídos polas historias da Santa Compaña que lle contaban de neno as súas tías Pura e Nena, que tamén puxeron cartos para a película desde A Coruña. Así que… cando vos vistades de zombis no Entroido ou no Samaín pensade en que, quizais, vos esteades disfrazando dun monstro que vén da cultura POP americana pero que tamén ten algo de galego.





Plano do movemento de tropas elaborado por Manuel P. Grueiro para explicar a Batalla de Neda sostida por Esparteiristas e partidarios de Narváez o 16 de xullo de 1843. A vila foi saqueada e as Casas Reais bombardeadas desde a ría, quedando completamente destruídas.




O director estadounidense George A. Romero. Pai dos zombis modernos e con raíces na Mourela do Medio, de onde era o seu avó. Morreu en 2017 no Canadá.



Fotograma de “A noite dos mortos vivintes”, estreada en 1968. Todo un fito do cine de terror dirixido por George A. Romero, de verdadeiro nome Jorge Alejandro Romero