A mítica libunca
A cultura dos nosos antepasados seguiu evolucionando a través dos séculos e sábese que hai cerca de 3.000 anos xa tiñan unha sociedade que cultivaba a terra, pescaba, utilizaba ferramentas de ferro, fundía metais coma o ouro, modelaba o barro e vivía máis ou menos agrupada en poboados. Eses poboados eran os chamados “castros”, aldeas situadas en lugares elevados e protexidas por un, dous e ás veces máis muros.
Non está claro se os pobos daquel tempo vivían sempre dentro dos castros ou se só os utilizaban como refuxio para defenderse dalgún ataque. Crese que os castros de toda a zona pertencían a tribos independentes unhas das outras, aínda que entre elas debía haber relacións comerciais, sociais e políticas. Crese tamén que intercambiaban produtos con outros pobos e algúns autores aseguran que os castrexos de Neda incluso aprovisionaban barcos gregos e fenicios que se achegaban á nosa costa procedentes do Mediterráneo, pero iso non hai forma de sabelo con certeza.
A época da cultura castrexa durou ata ben entrada a nosa era, cara aos séculos III e IV despois de Cristo. Pero antes diso chegaron os romanos. Sabémolo porque no Imperio Romano había xeógrafos e historiadores como Posidonio, Estrabón, Ptolomeo ou Pomponio Mela, entre outros. Por eles temos idea de que as lexións romanas chegaron a Galicia uns 150 anos antes de Cristo e que, a partir dese momento, foron dominando pouco a pouco o territorio.
Estes autores da antigüidade describen a costa noroeste da Coruña como un conxunto de ríos e terras poboadas polos Ártabros, unha tribo pertencente ás culturas atlánticas da Idade do Ferro. O historiador Estrabón refírese á costa da Coruña a Ferrol como o “grande porto ártabro” e dí que é terra rica en prata, ouro e estaño. O xeógrafo Pomponio Mela é o primeiro que menciona o río Ivia que hoxe coñecemos como Río Xubia e tanto el como Ptolomeo sitúan por esta zona a cidade de Libunca, o poboado ártabro máis importante.
Ao non dispoñer de mapas nin de máis información é imposible saber onde estaba Libunca exactamente. Hai quen asegura que esa cidade sería o castro de Ancos. Porque... por se non o sabiades, no monte de Ancos, nos arredores do miradoiro, hai restos dun grande castro desde onde os ártabros podían ter vixiada toda a boca da ría. O sitio era ideal para iso: estaba a salvo de ataques marítimos e ofrecía unha vista panorámica sobre uns 190 quilómetros cadrados do territorio. Dito doutra maneira, a mesma superficie que ocuparían 30.000 campos de fútbol coma o do Neda.
O lugar está rodeado de lendas, pero o castro de Ancos é real, aínda que hoxe sexa difícil saber o tamaño que debeu ter esa “antiga cidade do monte” da que falan os textos medievais, referíndose quizais a Libunca. Os restos que quedan no chan teñen forma ovalada duns 105 metros de longo por uns 80 de ancho. O castro está rodeado por dúas murallas ocultas pola terra e a maleza e a el pode chegarse por estrada subindo desde Casadelos ou desde a Cruz do Pouso.
O castro de Ancos non é o único do que hai vestixios. Preto da igrexa de Santo André temos tamén o chamado “Castro de Viladonelle”, de menor tamaño e igualmente difícil de ver debaixo de toxos e plantacións de eucaliptos. Este castro encóntrase na parte superior dunha forte pendente que baixa ata o Belelle, río que sería fundamental no desenvolvemento económico de Neda a partir da Idade Media.
Algúns estudosos da historia aseguran que o río e as súas ribeiras foron un importante enclave mineiro antes e despois da chegada dos romanos e que de alí saían metais coma o estaño, utilizados como mercadoría de cambio no comercio daquel tempo.