Recitar é máis que ler un poema en voz alta. Consiste en pórlle a entoación axeitada, pero non vale só con iso, tamén debemos sentilo.
Para poder sentir un poema, temos que entender o que o poeta nos quere transmitir; debemos, polo tanto, comprender o seu significado ou posibles significados facéndoo noso.
Se aprendedes un poema de memoria, sempre será máis fácil darlle entoación e marcar a súa rima, facendo os silencios onde se deba, entre estrofa e estrofa.
Recitar é ademais un acto para perder o medo a falar en público, e aproxímase moito ao teatro, porque moitas veces non imos ter as mesmas sensacións que o que escribiu o poema.
O MEU BARCO
Teño un barco de xoguete
e nel me quero embarcar.
Polos mares dos meus soños
¡quen me dera navegar!
Navegarei por mil ríos,
sete mares hei cruzar.
¡No meu barco de xoguete
cansarei de viaxar…!
¡No meu barco de xoguete,
mariñeiro e capitán…!
¡Non teño medo ó trebón
nen me asusta o furacán!
¡O meu barco de xoguete!
¡O meu barco moito val:
verei terras, verei illas,
verei mares de coral…!
¡Andei por tódolos mares!
¡Xa cansei de navegar
co meu barco de xoguete
sen saír do meu fogar!
Manuel María (1972) Os soños na gaiola. Lugo. Editorial Celta.