As instrucións están en todas as partes e podes atopalas en calquera dos teus xoguetes, nos aparatos electrónicos, na tecnoloxía, nos prospectos dos medicamentos...
Á hora de dar instrucións debemos ser ordenados e facelo de forma clara e concisa. Temos que explicar como se realiza a actividade, o xogo, a tarefa ou como se emprega un determinado aparato.
Para que a información chegue mellor empregaremos oracións curtas e botaremos man de palabras que impliquen orde: primeiramente, nun segundo lugar, finalmente…
INSTRUCIÓNS PARA LAVAR CORRECTAMENTE A BOCA:
Despois de colocares un pouquiño de pasta dentífrica con flúor no teu cepillo (é suficiente cunha boliña do tamaño dun chícharo):
Debes comezar por limpar os dentes de abaixo con movemento de vaivén, do lado de fóra, desde os dentes de atrás até os dentes de diante dun lado ao outro. A seguir limpas igual a parte de dentro dos dentes.
Nos dentes de diante, por dentro, coloca o cepillo ao alto e limpa de abaixo para arriba.
Finalmente, limpa as coviñas dos dentes de atrás con movementos de vaivén, dun lado e do outro da boca. Estes dentes chámanse molares.