Laza

Laza presume dun entroido xenuinamente galego. Laza, xunto con Xinzo e Verín, forma un dos vértices do triángulo máxico de Entroido galego.

En Laza a diversión comeza cedo, xa que semanas antes do entroido se celebran os catro Venres de Folión.

Os folións son comparsas que para espantar os malos espíritos, percorren as rúas de Laza polas noites tocando con diferentes obxectos.

Pero cando chega o domingo de Entroido, os protagonistas pasan a ser os Peliqueiros, uns personaxes moi característicos do entroido de Laza, similares aos cigarróns de Verín.

Levan unha vestimenta que pode chegar a pesar ata 25kg. O traxe está complementado cun cinto de chocas e zamarra.

Ademais, levan unha fusta que utilizan contra a xente que non está disfrazada, algo mal visto neste entroido. Este domingo poden chegar a reunirse ata 150 peliqueiros. Outro gran día en Laza é o Luns do entroido,con rituais e celebracións como a Farrapada,que é unha batalla campal utilizando trapos untados en barro; A Xitanada, que é unha procesión en burros; ou A baixada da Morena,que é unha especie de sátiro con cabeza de vaca que persegue as mulleres mentres a súa comitiva lanza sobre a multitude unha choiva de fariña e formigas vivas.

A alegría do Carnaval corre paralela á boa mesa e Laza celébrao especialmente cun banquete multitudinario: a Festa Gastronómica da Cachucha, Bica Branca, Xastré e Licor Café.

O Peliqueiro é o personaxe central,de orixe descoñecido aínda que podería ser un antigo cobrador feudal.

O seu traxe está composto por unha camisa branca, corbata e unha chaquetilla corta da que colgan flecos dourados que van atados con lazos de tres cores e sobre os hombros vai un pano enganchado a chaqueta; de toda a sua vestimenta, as caretas e os chocos son os elementos máis antigos.

Como dato curioso, non se pode tocar ao peliqueiro, este personaxe é o elemento característico e protexe aos demais personaxes do entroido de Laza