Resumo semanal
Na asemblea, abordáronse temas como a elevada ausencia de alumnado por enfermidades e virus, reflexionando sobre as posibles causas. Tamén se presentou unha nova lectura en forma de romance, centrada en Cristóbal Colón e Américo Vespucio, coa intención de que o alumnado aprenda e recite o texto segundo a tradición deste xénero literario. Dentro das actividades musicais, repasáronse cantigas tradicionais e ensaiouse, xunto coa clase de 4º, unha danza do mundo para a celebración do Día da Paz. Na asemblea de "temas" o alumnado trasladou cuestión relacionadas con roces e diferencias na xestión do momento de xogo durante o recreo. Ademais, analizouse unha poesía visual de Joan Brossa, reflexionando sobre a música como linguaxe e medio de expresión emocional.
No ámbito matemático, continuouse co traballo de lectura e conversión de horas en formatos analóxico e dixital, incorporando o concepto de A.M. e P.M. Traballáronse estratexias de cálculo con sumas, restas e multiplicacións, ademais do repaso das táboas de multiplicar ata o 7.
No ámbito lingüístico, avanzouse na preparación dos textos sobre as "Aventuras na Patagonia" e realizouse a gravación dalgúns deles na emisora de radio escolar. O alumnado tamén participou en dinámicas de escritura creativa, con propostas de textos libres e repaso ortográfico. Debatéronse cuestións relacionadas co Día da Paz e a Non Violencia, reflexionando sobre conflitos actuais no mundo e a convivencia no centro. Como parte da celebración, redactáronse "desexos de paz", que se depositaron nun gran recipiente durante o acto conmemorativo.
No marco do proxecto da Patagonia, investigouse sobre lugares emblemáticos como o glaciar Perito Moreno, Torres del Paine e a cidade de Ushuaia, recompilando información e imaxes ilustrativas. Tamén se explorou a diversidade étnica da rexión, analizando a convivencia entre pobos indíxenas, colonos europeos e mestizos, e debatendo sobre as súas características e diferenzas. Continuouse o proceso de contacto con colexios de Ushuaia, ampliando a investigación sobre a vida escolar na cidade máis austral do mundo.
Nos recantos de aula, o alumnado traballou en diferentes áreas de xeito autónomo, organizándose en tarefas individuais, en parellas ou en pequenos grupos. Como actividade final da semana, dedicouse un tempo ao "Proxecto Libre", no que cada estudante escolleu a actividade de maior interese, como xadrez, papiroflexia, debuxo ou completar recantos pendentes.
Finalmente, na sesión de "noticia de actualidade", analizouse unha noticia sobre o uso de drones para o transporte de paquetes e persoas, promovendo un pequeno debate sobre a viabilidade desta tecnoloxía e o seu impacto na sociedade.
Unha semana chea de aprendizaxes, participación activa e momentos de reflexión que continúan enriquecendo o día a día na aula.
O luns 27 celebramos con Pablo e Mateo o seu cumpre!!