TRABALLO ALUMNADO DO IES MARIA SOLIÑO (Sabela)
Unha proposta de Luz Beloso vinculada a O valente coello que quixo soñar, con Miguel Ángel Alonso Diz.
Da mancha á historia é un obradoiro de investigación visual e creación narrativa dirixido a explorar novas formas de traballar o álbum ilustrado na aula.
En "O valente coello que quixo soñar", determinadas formas das pedras suxeriron personaxes; debuxáronse e fotografáronse. O texto xurdiu despois, a partir das imaxes. O antecedente demostra que a ilustración pode impulsar a escritura en lugar de seguila.
En lugar de partir dun texto xa escrito para crear as súas ilustracións, o proceso comeza cunha mancha, unha textura, unha pedra ou unha forma accidental. A partir dese achado, a mirada interpreta, o debuxo transforma e o soporte organiza unha narración.
O obradoiro está inspirado no proceso de creación de O valente coello que quixo soar, de Luz Beloso e Miguel Ángel Alonso Diz, unha obra na que as imaxes atopadas en pedras funcionaron como punto de partida para construír un relato. Neste enfoque, a imaxe non ilustra unha historia previa: a imaxe provoca a historia.
O curso articúlase arredor de dúas palabras: investigar e argumentar.
Investigar
Investigar significa mirar amodo, comparar posibilidades e descubrir que pode conter unha forma ambigua. O profesorado observa:
Manchas de café.
Texturas e pegadas.
Imaxes xurdidas do azar.
Formas que poden transformarse mediante o debuxo
A mancha non ten unha solución correcta. Cada persoa pode atopar nela un rostro, un animal, unha paisaxe, unha casa ou unha criatura imaxinaria. O importante non é acertar que representa, senón argumentar por que se decide velo dese xeito.
Argumentar
Argumentar significa facer visibles as decisións do proceso:
Que parte procede da mancha?
Que parte se engadiu co debuxo?
Que se decidiu ocultar?
Que cambia cando aparece unha nova imaxe?
Que descobre quen abre o libro?
Como participa o papel na construción do relato?
Rudolf Arnheim, psicólogo e teórico da arte, investigou a relación entre a percepción, o pensamento e a creación artística.
Na súa obra Visual Thinking (1969), cuestionou a separación tradicional entre mirar e pensar. Para Arnheim, a percepción non consiste simplemente en recibir información visual: implica organizar, comparar, seleccionar e establecer relacións.
Cando observamos unha mancha, a nosa mirada busca estruturas. Podemos recoñecer agrupacións, continuidades, contornos ou relacións entre figura e fondo. https://www.dedibujo.net/gestalt/
Unha mancha pode parecernos un animal, unha paisaxe ou un rostro dependendo de como organicemos mentalmente os seus elementos.
O debuxo permite facer visible esa interpretación, pero tamén transformala durante o proceso creativo.
Unha mancha nunha parede, as vetas dunha pedra, a textura da madeira ou o café derramado sobre un papel poden suxerir paisaxes, rostros, animais e escenas que non estaban previstas. Esta capacidade de atopar imaxes en formas ambiguas foi explorada por artistas de diferentes épocas, que descubriron no azar unha maneira de estimular a imaxinación e ampliar as posibilidades do debuxo.
A mancha pode ser un accidente, pero a obra que nace dela implica observar, seleccionar, interpretar e transformar. Non se trata simplemente de recoñecer unha figura, senón de decidir que facer con ela.
Leonardo da Vinci foi un dos primeiros artistas en deixar por escrito unha reflexión sobre a utilidade das manchas e das superficies irregulares como punto de partida para a creación.
Nos seus cadernos, posteriormente reunidos e difundidos en diferentes compilacións sobre pintura, describe un exercicio destinado a estimular a capacidade inventiva do artista: observar paredes manchadas, pedras de distintas cores ou superficies nas que aparecen formas confusas.
Segundo Leonardo, ao mirar esas superficies podemos descubrir semellanzas con montañas, ríos, vales, árbores e paisaxes completas, pero tamén con batallas, figuras en movemento, rostros estraños ou escenas imaxinarias.
O que inicialmente parece unha acumulación desordenada de manchas pode converterse, mediante a observación, nunha fonte de composicións.
Leonardo propoñía este exercicio como unha maneira de superar as dificultades que aparecen cando queremos inventar unha escena e non sabemos por onde comezar.
En lugar de buscar inmediatamente unha imaxe definida, recomendaba observar formas nas que aínda non existe unha representación clara. A súa ambigüidade permite establecer relacións inesperadas e descubrir novas posibilidades.
O artista non parte da nada: a superficie proporciónalle liñas, contrastes, agrupacións e accidentes que estimulan a súa imaxinación.
Un dos aspectos máis interesantes da súa reflexión é a comparación que establece entre as manchas e o son das campás. Do mesmo xeito que, entre sons confusos, unha persoa pode imaxinar palabras ou nomes, tamén pode recoñecer figuras nas formas irregulares dunha parede.
Leonardo está describindo un fenómeno perceptivo que hoxe podemos relacionar coa pareidolia: a tendencia a recoñecer configuracións familiares en estímulos ambiguos.
https://yorokobu.es/metodo-creativo-leonardo-da-vinci/
No século XVIII, o pintor británico Alexander Cozens converteu as manchas nun procedemento organizado de creación artística.
En 1786 publicou A New Method of Assisting the Invention in Drawing Original Compositions of Landscape, un tratado no que explicaba como utilizar manchas de tinta para desenvolver composicións paisaxísticas.
O seu método, coñecido como blotting, consistía en aplicar tinta negra sobre o papel mediante pinceladas rápidas e movementos parcialmente accidentais.
Cozens non traballaba completamente ao azar. Antes de producir a mancha podía ter unha idea xeral da distribución da paisaxe, pero deixaba que os movementos do pincel determinasen parte das formas e dos detalles.
Unha vez creada, observaba a mancha e identificaba nela posibles montañas, rochas, árbores, masas de vexetación ou espazos abertos. A continuación, desenvolvía esas formas mediante o debuxo, ata construír unha paisaxe máis definida.
O azar controlado
A principal achega de Cozens foi utilizar o accidente como parte dun método de composición.
A mancha permitía superar os esquemas paisaxísticos habituais e descubrir organizacións espaciais inesperadas. O artista podía interpretar unha mesma forma de diferentes maneiras e obter composicións distintas.
No seu tratado incluíu exemplos que mostran a evolución desde a mancha inicial ata o bosquexo e o debuxo rematado, así como diferentes solucións a partir dunha mesma mancha.
A súa proposta establecía unha relación entre a espontaneidade do xesto e a intervención consciente do artista.
https://www.instagram.com/thecoffeemonsters/?hl=es
O ilustrador alemán Stefan Kuhnigk desenvolve unha serie de debuxos coñecida como The Coffee Monsters, na que transforma manchas de café en pequenos personaxes.
O seu procedemento parte de derramar café sobre o papel e deixar que o líquido produza formas irregulares. As manchas poden realizarse cunha culler, unha cunca ou outros instrumentos sinxelos.
Unha vez secas, observa os seus contornos, cambia a orientación do papel e busca formas que lle suxiran criaturas.
A continuación, intervén cun rotulador, engadindo ollos, bocas, extremidades ou pequenos detalles que permiten recoñecer un personaxe.
O máis interesante é que as figuras non se debuxan previamente para seren coloreadas despois. É a propia mancha a que condiciona a aparencia do personaxe.
Intervir sen borrar o accidente
Kuhnigk conserva os contornos e as irregularidades do café como parte esencial da ilustración.
As súas intervencións gráficas transforman a percepción da mancha sen ocultar completamente a súa orixe.
O resultado combina a espontaneidade dunha forma accidental coa capacidade do debuxo para atribuírlle identidade e expresión.
O café como materia pictórica e creación efémera
A artista italiana Giulia Bernardelli, coñecida artisticamente como Bernulia, utiliza o café derramado para construír escenas, paisaxes e composicións figurativas.
A súa investigación comezou a partir dun accidente cotián: unha cunca de café derramada sobre unha superficie.
Ao observar as formas producidas polo líquido, descubriu que podía transformalas en imaxes.
A diferenza de Stefan Kuhnigk, que adoita intervir cun rotulador sobre manchas secas, Bernardelli traballa principalmente manipulando o propio café.
Utiliza pequenos utensilios e movementos precisos para desprazar o líquido, modificar os contornos e aproveitar as diferentes concentracións de pigmento.
As manchas iniciais convértense así en paisaxes, personaxes ou escenas nas que o café funciona como material pictórico.
O accidente como punto de partida dunha intervención consciente
Moitas destas creacións teñen un carácter efémero e son documentadas mediante fotografías.
OBRADOIRO
No obradoiro «Dentro da imaxe: entre a mancha e a historia», estes procesos converxen nunha experiencia de creación na que a imaxe non nace necesariamente dun texto previo.
Primeiro aparece unha mancha. Despois, unha interpretación. O debuxo transforma esa interpretación e o soporte despregable permite descubrir novas relacións.
A historia constrúese a medida que a imaxe se desenvolve e cambia de significado.
Cada participante ten varias manchas de café sobre papel..
Experimentará con:
goteo;
salpicado;
soprado;
inclinación do papel;
superposición;
arrastre.
Unha vez secas, xirará o papel e buscará formas posibles.
TRABALLO ALUMNADO IES AS BARXAS
Todo comeza cunha mancha.
Unha pinga de café, unha forma accidental ou unha superficie irregular poden converterse no punto de partida dunha imaxe.
Neste primeiro momento non buscamos copiar nada nin ilustrar unha idea previa. O que facemos é observar con atención, xirar o papel, mirar desde diferentes orientacións e descubrir que formas, figuras ou escenas poderían estar agachadas na mancha.
Ás veces a imaxe aparece moi rápido: un animal, un rostro, unha criatura, unha paisaxe. Outras veces necesita tempo, probas e pequenas intervencións para empezar a revelarse. Nese proceso, a mancha non se borra nin se oculta: convértese no núcleo da ilustración.
A partir dela, engadimos liñas, formas, detalles e relacións visuais que nos permiten desenvolver unha primeira escena. O debuxo non substitúe a mancha, senón que dialoga con ela, a interpreta e a transforma.
Este é o primeiro paso do obradoiro:
pasar do informe ao recoñecible, da suxestión á imaxe.
Observamos a mancha desde distintas posicións.
Buscamos nela figuras posibles, relacións e direccións.
Escollemos unha interpretación.
Desenvolvemos a imaxe mediante o debuxo, mantendo viva a forma inicial da mancha.
Neste punto aínda non hai unha historia pechada. Hai unha imaxe en formación, unha escena posible, un personaxe ou un espazo que comeza a existir.
E é precisamente desde aí desde onde podemos dar o seguinte paso: facer que esa imaxe continúe, se transforme e revele algo novo ao abrir, dobrar ou despregar o papel
No noso obradoiro partimos dunha ilustración nacida dunha mancha e exploramos como pode continuar máis alá do seu espazo inicial.
O movemento non procede necesariamente dunha animación dixital. Pode xurdir do propio papel, do xesto de abrir unha superficie ou da aparición progresiva das imaxes.
Unha figura aparentemente illada pode converterse nunha paisaxe. Un pequeno detalle pode revelar unha criatura de grandes dimensións. Unha forma que parecía unha cousa pode adquirir outra identidade cando descubrimos o que a rodea.
O importante non é a complexidade do mecanismo, senón o que sucede durante a súa manipulación.
3- Das imaxes á historia compartida.
A creación non ten por que rematar na ilustración individual.
Unha vez realizadas as pezas, podemos intercambialas, combinalas e descubrir que sucede cando imaxes creadas por diferentes persoas comezan a relacionarse.
Un personaxe pode aparecer nunha paisaxe que non foi creada para el. Unha figura pode converterse no inicio dunha historia que outra persoa continúa. Dúas ilustracións independentes poden suxerir unha relación inesperada.
A partir destas combinacións, podemos construír pequenas narracións colectivas e incorporar un texto breve que acompañe as imaxes.
Neste caso, non partimos dun texto para ilustralo: son as imaxes as que provocan a aparición da historia.
O relato pode quedar recollido nun pequeno libro de artista ou converterse nunha peza audiovisual. A gravación do despregamento permite incorporar o tempo, o movemento, a voz e o descubrimento progresivo das ilustracións.
Deste xeito, a experiencia percorre diferentes linguaxes creativas: da mancha ao debuxo, do debuxo ao obxecto e do obxecto á narración visual e audiovisual.
A historia non estaba escrita de antemán. Aparece durante o proceso, nas decisións de quen crea e nas relacións inesperadas que se establecen entre as imaxes.