Traballaremos a mancha, a lectura e o relato a partir de contos tradicionais palestinos. Buscaremos imaxes nas formas accidentais, transformarémolas en ilustracións dinámicas e crearemos pequenos vídeos con voz e movemento.
A proposta parte da idea de que os contos poden atravesar lugares, linguas e xeracións. Leremos historias da tradición palestina e responderemos a elas desde a creación visual, non para explicalas desde fóra, senón para escoitalas, interpretalas e devolvelas convertidas en imaxes.
As pezas incorporarán tamén pequenos fragmentos narrados en árabe mediante ferramentas de intelixencia artificial, de maneira que poidan ser compartidas e comprendidas máis alá da nosa aula.
O resultado formará parte da exposición no HALL do noso centro , pero tamén terá outro destino: queremos que estas creacións poidan chegar a nenos e nenas palestinos como unha pequena mensaxe de encontro, respecto e acompañamento a través da arte.
A actividade comeza cunha experiencia propia: O valente Coello que quixo soñar. Primeiro apareceron imaxes sobre pedras; despois esas imaxes foron fotografadas e compartidas; finalmente, Miguel Ángel Alonso Diz viu nelas unha historia.
O proceso foi:
forma atopada → imaxe → interpretación → texto → relato
Leonardo da Vinci
No seu tratado recomenda observar muros manchados, pedras e superficies irregulares porque nelas poden aparecer paisaxes, figuras ou escenas capaces de activar a imaxinación. A mancha non é a obra: é o detonante.
Stefan Kuhnigk
A súa serie Coffee Monsters naceu dun derrame accidental de café. A partir das formas da mancha busca personaxes e completa só o necesario mediante debuxo.
Giulia Bernardelli
Traballa con café e outros materiais derramados, aproveitando as formas accidentais como punto de partida para crear escenas e figuras.
https://www.instagram.com/thecoffeemonsters/
Cada alumno/a realizará varias manchas de café sobre papel DIN A3.
Experimentará con:
goteo;
salpicado;
soprado;
inclinación do papel;
superposición;
arrastre.
Unha vez secas, xirará o papel e buscará formas posibles.
Consigna:
Non debuxes algo. Descubre algo.
Despois intervirá a mancha con grafito, rotulador, lapis de cor ou pincel, pero sen ocultar a forma accidental inicial.
Que é este material?
Este dossier recolle cinco contos vinculados á tradición oral palestina, reelaborados por Sonia Kuek
Muñoz nunha publicación bilingüe español-árabe. A propia autora explica que os relatos mesturan
realidade e ficción, conservan a esencia de historias transmitidas durante xeracións e foron adaptados
para unha lectura actual. O seu proxecto ten unha base educativa e solidaria e destaca valores como o
respecto, a xustiza e a solidariedade.
Nesta actividade imos utilizalos como punto de partida para unha ilustración dinámica. Non se trata de
debuxar literalmente o conto. Primeiro buscaremos unha imaxe nunha mancha de café; despois
relacionaremos esa imaxe co relato e faremos que se transforme mediante pregados, cortes ou
movementos sinxelos.
A idea clave
Unha historia pode estar agochada nunha mancha, nunha pedra, nunha forma ou nunha
palabra. A nosa tarefa será descubrir esa historia e facer visible algo que o texto non conta
directamente.
Como traballaremos
• Ler o conto e detectar 3 momentos visuais.
• Escoller unha imaxe ou símbolo central.
• Transformar a mancha inicial con a vosa ilustración.
• Crear unha peza con 2 ou 3 estados visuais mediante pregados.
• Gravar a manipulación da peza mentres outra persoa le un fragmento do texto.
• Na exposición, a peza física pode levar un código QR que conduza ao vídeo.
Organización para 15 persoas: cinco contos diferentes, tres copias de cada un. Escollemos diferentes momentos do conto coordinadamente.
Fonte de partida: Cuentos de Palestina / Tales of Palestine (español-árabe), versións de Sonia Kuek Muñoz, proxecto Tales of
the World / Universitat de València. Versión breve adaptada ao galego para uso didáctico.
Ligazón á publicación orixinal: materialesdidacticos.proyectotalis.com · Cuentos alrededor del mundo: Palestina
(español-árabe).
Queremos que as nosas creacións poidan chegar tamén a nenos e nenas palestinos. Por iso empregaremos a IA para traducir ao árabe un pequeno fragmento do conto e crear unha voz que acompañe o vídeo.
escollede un fragmento do conto e revisádeo ben en galego;
traducídeo ao árabe cunha IA, pedindo que respecte o texto e non engada información;
xerade unha voz en árabe con ElevenLabs ou TTSMaker;
incorporade o audio ao vídeo da ilustración dinámica;
revisade o resultado antes de dalo por válido.
A IA servirá como ferramenta de tradución e creación sonora. A interpretación do conto, a ilustración e as decisións creativas serán vosas.
Cada alumno/a recibirá ou elixirá un texto breve.
Non se trata de ilustralo literalmente.
A imaxe deberá:
ampliar;
ocultar;
revelar;
transformar;
facer visible algo que o texto non di.
A peza terá entre dous e tres estados:
imaxe inicial → pregado → transformación → nova imaxe
Traballo en grupos de tres:
unha persoa manipula;
outra le (despoís incorporamos a voz en árabe)
outra grava.
Duración recomendada:
20–40 segundos.
O vídeo amosará aquilo que a obra exposta non pode ensinar cando permanece quieta.
Parede:
14 ilustracións dinámicas con código QR.
Proxección:
vídeos en bucle.
A viaxe remata cando as imaxes que naceron nas Barxas regresen, transformadas, ata os nenos e nenas palestinos.