Denomínase lusofonía o espazo lingüístico integrado polos países nos que se fala o portugués: Portugal, Brasil, Cabo Verde, Guinea-Bissau, Angola, Mozambique, São Tomé e Príncipe e Timor Leste.
Debido á orixe común do galego e o portugués, as dúas linguas comparten moitos trazos comúns, que fan que exista un alto grao de comprensión entre os seus falantes. É por isto que a lingua galega tamén se inclúe no ámbito da lusofonía.
Durante toda a Idade Media, o galego e o portugués eran unha mesma lingua, filla do latín vulgar que os romanos trouxeran á Gallaecia no século I a.C. No século XII, o condado de Portugal sepárase de Galicia e constitúe un novo reino independente. Mentres tanto, Galicia intégrase na Coroa de Castela. A separación política de Galicia e Portugal fará que, co paso do tempo, as diferenzas entre o galego e o portugués vaian aumentando ata se converteren en dúas linguas distintas.
A partir do século XVI, o galego e o portugués corren sortes moi diferentes:
A pesar dos seus camiños diverxentes, hoxe en día galego e portugués seguen a compartir moitos trazos en común e a comprensión mutua entre as dúas linguas é case total. Para un galego é moi fácil entender o portugués e viceversa.
A orixe común das dúas linguas e o alto grao de intercomprensión entre os seus falantes permite considerar que o galego forma parte da lusofonía, converténdoo nun idioma de grande utilidade para a comunicación coa ampla área lingüística galego-portuguesa, conformada por arredor de douscentos millóns de persoas en cinco continentes.