Chamamos Séculos Escuros ao período histórico que vai dos séculos XVI ao XVIII. A lingua galega deixa de escribirse e, pouco a pouco, tamén deixa de falarse polas clases altas. Esta decadencia da nosa lingua está relacionada coa situación sociopolítica de Galicia, cada vez máis empobrecida e menos poderosa na Coroa de Castela.
A finais do século XV prodúcense unha serie de acontecementos que van marcar profundamente o futuro de Galicia: as Revoltas Irmandiñas e a loita pola Coroa de Castela entre Dona Xoana e Isabel a Católica.
2.1. As Revoltas Irmandiñas
Na segunda metade do século XV, burgueses e campesiños galegos vanse levantar e loitar contra a nobreza e os seus abusos de poder. Esta rebelión social coñécese como Revolta Irmandiña e foi quizais a maior revolta europea do século XV.
2.2. A loita entre dona Xoana e dona Isabel pola Coroa de Castela
Despois da morte do rei Henrique IV, o trono de Castela dispútase entre Dona Xoana e Isabel a Católica:
Nesta loita dinástica, a maior parte da nobreza galega apoiou a Dona Xoana. Non obstante, a vencedora foi Isabel a Católica.
Cando os Reis Católicos entran no trono, toman represalias contra a nobreza rebelde de Galicia, someténdoa, quitándolle o seu poder e, en moitos casos, substituíndoa por nobres de fóra, chegados de Castela. Un bo exemplo é a figura de Pardo de Cela, que foi executado pola súa oposición aos Reis Católicos.
A elite social que os Reis Católicos traen de Castela introduce en Galicia a súa lingua: o castelán.
Coa entrada da nobreza castelá en Galicia, rómpese a homoxeneidade lingüística que ata entón había en Galicia. Lembremos que ata este momento o galego fora unha lingua normalizada, falada por todas as clases sociais e empregada na escrita.
A partir do século XVI, as clases sociais altas xa non falan galego, senón castelán. Ademais, estas clases poderosas impoñen tamén o castelán como lingua, oral e escrita, da Administración, da Igrexa e da Educación.
Nos Séculos Escuros vívese unha situación de diglosia caracterizada do seguinte xeito:
Por outra banda, nos Séculos Escuros xorden os prexuízos lingüísticos contra a lingua galega, relacionados á súa vez coa imaxe despectiva que se tiña de Galicia e dos seus habitantes. Como consecuencia da marxinación política e da pobreza en que vivía a maior parte da poboación galega, ao longo desta época nace unha imaxe do galego como un pobo mísero, atrasado, inculto e carente de calquera virtude, así como unha visión de Galicia como unha terra inhóspita e fea.
Esta imaxe de Galiza e do pobo galego amplíase tamén á lingua, nacendo fortes prexuízos lingüísticos que mesmo perduran até os nosos días: o galego é unha lingua bruta, que soa mal, falada por pailáns, inútil…
Durante os Séculos Escuros, o galego deixou de escribirse, polo que apenas conservamos textos literarios escritos en galego. Así pois, a literatura que houbo durante esta etapa foi case exclusivamente literatura popular oral, creada e transmitida oralmente polo pobo: lendas, contos, cantigas, adiviñas…
Con todo, tamén conservamos algúns textos escritos en galego coma os que veremos a continuación:
No século XVIII, coñecido coma o Século das Luces, desenvólvese en Europa un movemento cultural e intelectual que coñecemos como a Ilustración.
En Galicia, un grupo de intelectuais ilustrados vanse preocupar pola pobreza e atraso do país e promover medidas para combater esta situación: reformar a agricultura, mellorar as leis, cambiar os métodos educativos…
De entre os Ilustrados galegos, destacamos as figuras do Padre Feixoo e do Padre Sarmiento, dous monxes que tamén se preocuparon pola situación da lingua galega.